28 xuño 2024 | O Globo celebrou o pasado venres, 14 de xuño, o seu VI Encontro, que puxo en común experiencias de participación e transformación social desenvoltas por diversas entidades, centros educativos e colectivos. No evento, celebrado no Castelo de Santa Cruz (Oleiros), participaron arredor de 100 persoas.

Iniciamos esta xornada cun cafeíño quente con galletas de comercio xusto, proporcionando un primeiro momento de toma de contacto e coñecemento mutuo.

A recepción estivo a cargo de María Paz e María Caride, da ONG Solidariedade Internacional de Galicia, promotora da iniciativa. Neste primeiro momento recoñeceuse a gran variedade de colectivos implicados: o IES Fernando Wirtz, o CRA María Zambrano, o IES Carlos Casares, o IES A Paralaia, o IES Luís Seoane, a Plataforma Veciñal Mina Touro-O Pino Non, o Grao en Educación Social da UDC, a Asociación BreGal, o Colectivo Nos Seus Pés, o Concello de Bergondo, Acampadas por Palestina da UDC, a Asociación Breamo e a Asociación Agroecolóxica Sachos á rúa. Ademais, outros colectivos e centros educativos aportaron as súas microexperiencias á páxina web, contribuíndo á construción deste observatorio da participación e da cidadanía global, en constante actualización coas inquedanzas e accións da sociedade galega. Tamén contamos cunha persoa responsable do CEIDA (Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia), que nos fixo unha pequena introdución sobre a historia do lugar no que estabamos.

Despois, para romper o xeo, gozamos do show de Diana Sieira e Marita Martínez, quenes nos fixeron rir a esgalla coas súas improvisacións humorísticas. Tamén houbo tempo para xogar ao xa clásico "Non pases palabra!", que non pode faltar en ningunha edición. 

Os talleres de regueifa, fotografía participativa e radio foron a seguinte parada das persoas participantes, que, dun xeito lúdico, puideron aprender novos xeitos de reivindicación e protesta a través destas disciplinas artísticas.

O momento central do encontro, como cada ano, foi a Feira de Microexperiencias de Transformación Social, onde o alumnado e os colectivos amosaron as iniciativas que desenvolveron, poñéndoas en valor, conversando, coñecendo e recoñecendo outras iniciativas.

Idoia Luxán, artista xa residente de O Globo, amosounos a súa ilustación do VI Encontro e, para poñer a guinda final, contamos coa testemuña de Haydée Castillo, activista nicaraguana, quen nos deu folgos e enerxía para seguir loitando pola defensa dos dereitos humanos e a xustiza social.

O Globo segue collendo altura, agardamos con ansias o VII Encontro!