O pobo na defensa da terra, da auga e do aire
A Plataforma Veciñal Mina Touro-O Pino Non creouse para impedir a reapertura dunha mina a ceo aberto para extracción de cobre, nunha comarca rica en recursos naturais, culturais, agroalimentarios, forestais e esixir o cese de vertidos aos ríos de augas contaminadas pola minaría.
Os graves e irreparábeis danos do extractivismo nos recursos hídricos.
Explotaciones Gallegas SL, a empresa propietaria da mina de Touro adquírea en 1993, despois do peche da mina en 1986 sen restauración. Mércaos para a extracción de áridos e co compromiso da restauración de terreos e augas contaminadas por drenaxe ácido de mina. Esa restauración consistiu, ata o de agora, en plantacións de eucaliptos e a instalación dunha planta de tratamento de residuos non perigosos que recolle sobre todo lodos de depuradoras, que os mestura con astillas para converterse no que denomina tecnosolos, depositados nas cortas mineiras e cando chove escorrentan polas ladeiras cara os ríos contaminando as augas. A empresa únese en 2016 á mineira Atalaya Mining -propietaria da mina de cobre de Riotinto- para presentar un novo proxecto de reapertura da mina de Touro en 2017 e crean para elo unha empresa que chaman Cobre San Rafael.
Despois da oposición veciñal, miles de alegacións, informes, manifestacións da sociedade galega, asociacións, agrupacións, partidos e ecoloxistas en contra, ese proxecto obtén Declaración de Impacto Aambiental negativa en 2020 que é recorrida no Tribunal Superior de Xustiza en Galicia pola empresa e está pendente de ditame do tribunal. Entrementres, os vertidos aos ríos seguen producíndose, a pesar de ter denuncias e térselle requirido en 2018 un proxecto de drenaxe integral das augas para impedir que saian augas contaminadas dos terreos da mina, que sigue sen solución.
Estudo "Efectos de las minas de Arinteiro (La Coruña) sobre la calidad de aguas super y subsuperficiales Estudo "Distribución de algunas especies de vertebrados terrestres en la cuenca del río Ulla (Galicia) en relación con la calidad de las aguas" Resumo do "Informe final Life Margal Ulla"A mobilización social como solución. Non contan coa licenza social.
Os problemas de contaminación dos terreos e das augas da mina de Touro derivan dunha nula aplicación e ausencia de supervisión por parte da Administración, deixando en mans das mercantiles o control. Así por exemplo observamos que ten que ser a poboación ou as asociacións ambientais quenes vixíen e denuncien para que interveña a administración; aínda así as sancións non chegan a surtir efecto, xa que sae máis barato contaminar que cumprir coa lei. Sanciónanse con multas leves e ocasionais, arquivando de maneira reiterada as denuncias. Cando se realizan inspeccións son con previo aviso ás mercantiles poñéndolles en preaviso e limitándose a realizar visitas e toma de mostras por iniciativa das mesmas, e cando se chega a realizar unha proposta de sanción os gabinetes xurídicos teñen moitos argumentos para dilatar procesos e minorar as contías incluso non chegar sequera a pagarse. A máxima de que quen contamina paga non se cumpre e queda en mans da cidadanía denunciar, vixiar e facer seguimento.
Moitos Davides xuntos poden gañar a Goliat. É posible!
As nosas accións estiveron encamiñadas a analizar, compartir, sensibilizar e visibilizar unha problemática dunha empresa que pretendía volver a implantar un modelo económico nunha comarca que ten outros modos de vida, un modelo que xa coñecía e sufrira con desastrosos resultados. Fixemos manifestacións en Touro e en Santiago cunha resposta e apoio masivo de toda a poboación e co apoio de numerosas organizacións e persoeiros do ámbito ambiental, cultural, social, político, sindical, institucións, académico; organizáronse charlas de divulgación, documentais, encontros con outros colectivos con situacións semellantes, actividades de lecer onde se compartiron as experiencias, compartimos con outras plataformas en situacións similares, divulgamos en medios de comunicación, e sobre todo estudamos, estudimos moito para poder combatelos e demostrar que temos dereito a defender os nosos medios de vida, que son prioritarios por enriba dos deles.
Non era un proxecto cunha solución viable nin sostible, e o impacto no ambiente e nos modos de vida sería terrible, un proxecto temporal e cun futuro incerto, que suporía perda de biodiversidade, malas condicións na calidade de vida das persoas, perda de valor patrimonial das propiedades, no patrimonio cultural e natural, potencial aumento da contaminación das augas, risco de accidentes e risco para as persoas das balsas mineiras... Pretendíamos a denegación do proxecto e conseguiuse, pero a restauración das augas da anterior minería aínda se sigue denunciando para que a mercantil asuma a responsabilidade que leva eludindo dende hai máis de 30 anos, seguimos alerta, porque a intención de volver a reabrir a mina segue presente, en calquera momento podería activarse e teríamos que volver á casilla de saída, pero cun camiño xa andado cheo de experiencias e apoios, xa non partimos de cero.
Queren facernos crer que son necesarios, pero o único que precisan son os nosos recursos para lucrase a cambio de deixarnos sen futuro, por iso non podemos consentilo.
Dossier fotográfico