Recollida de saberes tradicionais

2024

Asociación Veciñal Breamo en colaboración con Asociación EuroEume

ODS04 Educacion, ODS10 Reducion Desigualdades, ODS11 Cidades Comunidades Sostibles, ODS16 Paz, Xustiza e Institucions, ODS17 Alianzas

Este proxecto ten como obxectivo principal preservar e valorizar o coñecemento e a memoria colectiva a través da historia oral e as vivencias dos participantes. Esta iniciativa céntrase na creación de espazos comunitarios que fomenten a participación social, o empoderamento das persoas e o fortalecemento do medio rural, cunha énfase especial na vida nas aldeas.

Recordar a historia e volver xuntarnos

A.VV. Breamo foi creada no ano 1984 e ao longo da súa historia chea de vida, chegou case a ter 300 asociados/as. Pasando por diferentes momentos históricos, na actualidade A.VV. Breamo contamos con preto de 90 socias e socios. Atopámonos nun momento no que, en xeral, hai pouca participación social, sumado a vir de tempos nos que na propia asociación a actividade encontrábase reducida e case parada por completo a razón do envellecemento da directiva e do nulo relevo xeracional na mesma. 

Actualmente xerar espazos de encontro non é sinxelo ao vir de anos atrás sen case actividade, e nos que a pandemia vivida tampouco favoreceu a situación.

A nova directiva traballamos co fin de promover actividades con significado para que a vida na parroquia e contorna volva a ser activa e en comunidade.

Partindo case de cero, queremos volver a dinamizar a vida en colectivo e poñer en valor o noso territorio e ás súas persoas, para o que, a actividade de Recollida de Saberes Tradicionais parécenos idóneo para recordar a historia e ver o que somos e onde estamos grazas a ela. Coller forza e animarnos a xuntarnos no noso lugar e incrementar a participación social e interxeracional. 

Para iniciala, fíxose un análise previo, que, continúa e continuará, de repaso da nosa historia e o impacto das e para as persoas da mesma. A recollida de saberes axúdanos tamén como outra ferramenta máis para entendela e poder observala dende diferentes puntos de vista, para dar forma e poder extraer unha idea colectiva. 

Proposta de actividades Análise

Volta á vida en colectivo, primeiros efectos

Do análise previo realizado cos socias/os e non socias/os da asociación podemos extraer diversas conclusións das que destacar:

  • A necesidade de actividades que fomenten a xuntanza, lugares de encontro e participación social da veciñanza no eido rural, que, a través deste obradoiro veuse incrementada e cun impacto moi positivo nas persoas participantes e nas súas rutinas.
  • A necesidade de propiciar actividades conxuntas, participativas e de traballo cooperativo entre mulleres e homes. Dáse unha realidade na que as actividades teñen participación dividida por xéneros segundo a temática (por exemplo: ioga, memoria mulleres; compostaxe, poda: homes). No obradoiro de recollida de saberes tradicionais conseguimos mesturar aínda que en baixa proporción mulleres e homes de forma moi positiva e observamos de forma obxectiva as diferencias nas realidades vitais. Traballo no que hai que seguir incidindo.
  • A necesidade de encontros interxeracionais entre o colectivo da infancia e maiores para transmitir ditos saberes e poñer en valor a nosa historia para coidar o presente e futuro.
  • Incremento da visión e autoconcepto positivo sobre si mesmas e sobre as súas vivencias e o impacto e valor das súas vidas e bagaxe na contorna.
  • Participación moi activa nas sesións (faladoiro, aportación de materiais: fotografías, documentos...), motivación de cara á actividade e actitude moi positiva.
  • Espazo da asociación veciñal como lugar de encontro cheo de significado para as participantes, historia e espazo que hai que espallar, coidar e encher para que volva a ser para as persoas un lugar de elas e para elas no que estar e ser persoalmente e en comunidade: valor e importancia do colectivo

A importancia poñer en valor o noso e coidar a vida en colectivo

É unha actividade aberta para socias/os e non socias/os da asociación na que pode participar calquera persoa.

Contamos con 14 participantes da parroquia de Campolongo – Vilar e arredores. O grupo está composto por dez mulleres e dous homes con idades comprendidas entre os 60 e os 90 anos.

Trabállase cun grupo reducido de non máis de quince usuarios/as para fomentar a inclusión e participación activa total de todas as participantes.

Na Recollida de Saberes Tradicionais traballamos no espazo da propia asociación veciñal e en outros lugares da contorna realizando andainas grupais.

Nestes espazos de encontro elaborouse unha recompilación de materiais e saberes e fíxose memoria e reminiscencia persoal e grupal, incentivouse a participación social activa e participativa e as relacións sociais, nun contexto próximo e recolléronse as súas vivencias e historia a través da conversa oral incentivada mediante elementos diversos.

Nestas dinámicas participativas activas rebuscamos información guiada en grupo apoiándonos en fotografías antigas, vídeos, libros, música e cancións, comidas, plantas, documentos e outros elementos simbólicos que serviron como ferramentas para incentivar a memoria partindo dos intereses das e dos participantes e das súas voces, vivencias, miradas, sentimentos, diálogos e escoita grupal para chegar ao fin principal de xuntarnos e poñer en valor a nosa historia a través das persoas que houbo e hai nela, e, que as que haberá continúen a coidala sabendo da súa riqueza.

Promoveuse entre as participantes o valor por si mesmas, polo que son e polo que dan á sociedade, e transversalmente traballamos para que non se esqueza a importancia de xuntarse, e a vida en colectivo, en contraposición á sociedade actual individualizada e esquecida dese vivir colectivo interdependente e necesario.

Traballáronse e tratáronse cuestións e temáticas diversas como: tradicións e festividades populares e os seus elementos, mitos, ditos, refráns, cantigas, infancia e xogos, receitas, etnomedicina, espazos e lugares, acontecementos históricos, tradicións nas diferentes estacións, etc.

Co tratado estase a facer un traballo profundo de recompilación destes elementos para crear unha composición e elaborar a montaxe dunha exposición fotográfica e audiovisual, e, dar continuidade ás xuntanzas ao mesmo tempo que se materializan as aprendizaxes e se fai un labor de transmisión das mesmas

Resumo da actividade Dossier fotográfico