Nos seus pés
"Nos seus pés" é un festival solidario organizado por persoas do Grove que ten como obxectivo recadar fondos para Proemaid, unha organización de axuda humanitaria que opera no Mediterráneo e nas Canarias, e poñer en boca de toda a cidadanía os dereitos das persoas refuxiadas. Celébrase durante unha fin de semana con actividades gratuítas para todos os públicos, así como eventos promocionais previos.
Este festival é posible grazas á contribución organizada e espontánea de moitas persoas, o persoal varía segundo as necesidades e a dispoñibilidade. Estamos orgullosas de todo o traballo realizado,e profundamente agradecidas a todas as persoas que formaron, forman e formarán parte do proxecto.
Ademais, contamos con aportacións económicas, materiais e servizos de establecementos e comercios locais; colaboración con empresas locais e nacionais na subministración de alimentos e bebidas e participación solidaria de artistas, persoal técnico, persoas voluntarias e público.
A financiación dos proxectos solidarios que traballan coas persoas refuxiadas.
A crise das persoas refuxiadas no Mediterráneo tivo un punto de inflexión no ano 2015 cando a chegada de milleiros de persoas ás costas europeas inunda os medios de comunicación. Nese contexto, no 2016 a coordinadora de Nos seus pés decidiu traballar de forma voluntaria durante un mes no campo de refuxiados Eleonas coa pequena e recén creada ONG Project Elea.
Impresionada pola iniciativa da ONG, identificou o principal problema desta: a falta de financiamento para conseguir o seu principal obxetivo no campo, defender a dignidade das persoas residentes nel promovendo actividades educativas, culturais e de acompañamento, fortalecendo o sentido de comunidade no campo.
A existencia de pequenos proxectos que traballan directamente no punto de chegada e acollida das persoas refuxiadas xoga un papel esencial nas súas vidas. A involucración desmedida de persoas voluntarias que viven para estes proxectos non é suficiente, quen sostén estes proxectos? Como sobreviven?
Abarcar o que está nas nosas mans.
Desa experiencia de voluntariado xurde unha reflexión acerca das problemáticas que se dan nos campos de refuxiados e das dificultades que teñen as entidades que traballan nelas para conseguir financiación, todo isto sumado ás medidas, cada vez máis restrictivas da Unión Europea, que dificultan cada vez máis este traballo.
As transformacións sociais que camiñan en dirección do benestar público vense limitadas polo sistema socioeconómico actual, onde son as institucións públicas e as empresas privadas as que xogan este papel delimitador. As propostas educativas de asociacións, centros de ensinanza e moitos outros actores representan unha luz imprescindible nestas transformacións, pois asentan referencias e manteñen viva a loita polo benestar da sociedade, chegando, ás veces, a transformala a diferentes escalas. Normalmente a reforma é suave; ás veces radical, xa que non se analiza o problema soamente, senón que se actúa sobre el; e rara vez vaise máis alá da reforma e conséguese un impacto real en parte da sociedade.
Co dificil que resulta conseguir un pensamento colectivo, Nos seus pés busca axudar nunha causa concreta que forma parte dunha problemática global facéndose consciente das limitacións e actuando, así, localmente (O Grove). Tendo claro estes puntos, poderíase dicir que o alcance da prosposta NSP é humanocéntrica -para o conxunto da humanidade- cun nivel transformador suave dado que o impacto que produce na cidadanía que forma parte dela (a veciñanza do Grove e as persoas migrantes que participan nas ONGs financiadas por Nos seus pés) é baixo.
Nos seus pés, nas nosas mans
Ao voltar á súa vila natal (O Grove) a creadora de Nos seus pés propúxose facer algún evento de recadación para Project Elea, mobilizando á veciñanza meca de distintos estratos socioeconómicos e dispares en intereses e idades.
A mobilización comunitaria en O Grove resulta na creación dun festival de música, gastronomía e actividades diversas, que recada fondos adaptándose aos intereses e estilos de vida locais. Con cinco edicións realizadas, o evento alcanzou éxito ao envolver diferentes xeracións e grupos sociais da comunidade, reflectindo o espírito solidario da vila.
Tras a inclusión ao proxecto dun bombeiro grovense que fixera voluntariado con ProemAID, a recadación do festival sempre foi repartida entre as dúas entidades. Mais, en 2022, coas medidas cada vez máis duras da Unión Europea, o goberno grego pecha o campo de refuxiados Eleonas, inhabilitando o traballo de Project Elea alí, motivo polo cal a camiseta da edición NSP 2022 leva nas costas o comunicado de despedida do proxecto. Dende ese mesmo ano Nos seus pés so financia o traballo de Proemaid.
O proxecto non nace cunha metodoloxía ou organización previa, senón que se vai adaptando ás potencialidades, cirscunstancias e posibilidades de cada participante fase por fase, onde, en moitos momentos, a proposta dunha acción constrúe a metodoloxía. Así, búscase que tanto no propio festival como noutras xornadas organizadas ao redor del, as persoas que se involucran, decidan todo o proceso segundo os seus gustos e experiencias, sempre guiados pola coordinadora.
Ademais, en todo este proceso de produción do festival conséguese que a problemática da crise das persoas refuxiadas sexa tema de conversa na cotidianeidade da vila (nas comidas familiares, no bar, na lonxa…).
Sen entrar a facer unha análise social para o que non estamos nin documentadas nin especializadas, é relevante mencionar o que consideramos puntos clave para que o proxecto funcionase dende a súa primeira edición:
As redes de apoio, o ‘tecer rede’ constitúe unha base moi sólida que facilita o desenvolvemente do proxecto.
Buscar, atreverse a preguntar, petar na porta, reciclarse, preguntar e propoñer implicarse en diferentes grados é vital para construir.
Adaptación aos gustos, necesidades e formación dos participantes.
Colaboración con asociacións e centros.
Nos seus pés buscaba paliar/suavizar un problema de financiación dunha ONG que traballaba coas persoas refuxiadas a través da música e a gastronomía e outros ámbitos da cultura, case de forma instantánea, mudou a un proxecto que, cunha causa solidaria detrás, consegue que moitísimas persoas se vexan implicadas, creando unha rede de persoas moi bonita. Nun contexto no que o tempo libre nunca é suficiente, cremos importante recordar o sentido que dan as redes de veciñas e amigas nas nosas vidas.
Sobre as ONG Dossier do ano 2023 Guía gráfica sobre o festival Cartelería Dossier fotográfico