Sawubona. Véxote, respétote, es importante para min
Desexamos crear unha actividade comprometedora, que consiga motivar ao alumnado e familias a colaborar co obxectivo de impulsar un modo de vida sustentable desde unha perspectiva ecosocial. O obxectivo deste proxecto é sementar diversidade achegándonos ao camiño da equidade, valorando o que nos rodea e poñendo a nosa sementiña para conseguir unha sociedade máis xusta.
Detectives da realidade. Véxote
Indagamos sobre as tarefas que facemos na casa e quen se encarga de cada unha delas, por exemplo: cociñar, facer a cama, barrer, coidar a horta…
Para a recollida da información empregamos un cuestionario con pictogramas das diferentes tarefas.
Participamos alumnado de Educación infantil e primeiro ciclo de primaria, familias, alumnado de infantil de Romanía e Italia e a ONG Wanawake contra a Mutilación Xenital Feminina e matrimonios forzosos.
Como nos comportamos inflúe. Respectámonos
Facemos unha análise dos datos recollidos na enquisa e decatámonos que son as mulleres as que se encargan maioritariamente das tarefas domésticas, así como do coidado das hortas.
Reaccionamos ante actos inxustos nalgunhas culturas, como por exemplo a diferenza que existe entre homes e mulleres tanto no ámbito local como global, coñecemos un pouco o noso pasado e evolución, así como tamén as costumes doutras partes do planeta Terra.
Para reducir a contaminación e a crise climática, non basta con separar o lixo ou reutilizar: o comportamento máis ecolóxico sería consumir o menos posible, reflexionamos se necesitamos realmente todo o que temos.
Tendo en conta os beneficios que aportan os seres vivos máis pequenos (insectos) ás nosas hortas, debatimos como deberiamos tratar a estes bechiños. Tamén investigamos cales non son beneficiosos e incluso moi prexudiciais, como por exemplo a avispa asiática.
Xente miúda cambia e muda. Transformando porque es importante para min
Creamos hortas comunitarias en cada unha das escolas que forman o CRA.
Promovemos o compostaxe, en cada escola hai un composteiro onde o alumnado por quendas deposita, despois do patio, os restos orgánicos.
Creamos hoteis de insectos instalados e dispostos para que os futuros inquilinos, principalmente insectos polinizadores, poidan comezar a ocupalos.
Coñecemos outras culturas a través dos seus cultivos, receitas...
Dossier fotográfico