Promovendo a sustentabilidade na nosa práctica diaria
No 2012 creouse esta asociación agroecolóxica. O noso obxectivo é promover e poñer en valor as prácticas sustentables no eido da agricultura e a artesanía, tanto na produción como na adquisición de alimentos e obxectos artesanais.
Fomentando unha produción e un consumo sustentables
É un feito constatado que vivimos nunha sociedade consumista, na que o paradigma estendido é comprar, tirar e voltar a mercar. Todo parece indicar que o futuro, ou será sustentable ou agravará a pobreza, as diferencias sociais, a inxustiza.
Facemos fincapé na alimentación. A soberanía alimentaria dos pobos é básica para reducir as inxustizas globais e a fame. Ao mesmo tempo, a produción de alimentos dun xeito sustentable permite coidar o noso planeta e evitar o seu esgotamento.
Tamén promovemos a artesanía local, e mesmo a elaboración da propia roupa, por medio de cursos de costura, calceta, ganchillo...que nos permiten tanto prescindir dos circuítos habituais da roupa (tan pouco sustentables e tan cheos de inxustizas), como valorar debidamente cada prenda que temos no noso armario, poñendo o acento na calidade e non na cantidade.
Agricultura ecolóxica: todo son vantaxes
Cantos planetas fan falta para soster un consumo como o teu?
Facémonos esta pregunta, e co noso traballo queremos dar unha resposta en positivo.
A agricultura e gandaría tradicionais están incrustadas no sistema capitalista de producir non para cubrir as necesidades, senón para mover o mercado.
Non queremos seguir sendo parte dese problema, por iso decidimos, cos nosos actos, facer parte da solución. Esa solución pasa por unha produción consciente, baseada en prácticas respectuosas coa terra e en sementes ecolóxicas e de variedades locais, Unha produción que coide da terra, coidando así tamén da Terra. Pasa tamén por un consumo responsable, centrado nos produtos locais e de temporada que non teñen unha pegada ecolóxica excesiva.
Hortas, feiras e cursos: pensando global e actuando local
Para acadar os nosos obxectivos, foron varias as accións que organizamos:
- Cursos de formación, nos que as persoas que teñen pequenas hortas de autoconsumo poidan coñecer e aplicar as boas prácticas agrícolas. Tamén facemos cursos de costura, calceta, ganchillo...que nos permiten aprender a facer a nosa propia roupa.
- Mercados agroecolóxicos nos que se venden os produtos das nosas produtores. Teñen lugar o primeiro, terceiro, e quinto (se o hai) sábado de cada mes.
- Grupo de consumo, no que se fai reparto de produto fresco unha vez por semana, e tamén se fan compras conxuntas periódicas de outros produtos: aceite, legumes, pasta...sempre buscando proximidade e sustentabilidade.
- Hortas escolares. O programa de hortas escolares, que neste momento se aplica xa en 6 colexios públicos do concello de Ribeira, pretende achegar ao alumnado a idea da produción sustentable, ao tempo que a satisfacción de producir os propios alimentos.
- "Café con Sachos". Trátase de tertulias abertas a toda a cidadanía, nas que abordamos temas relacionados coa sustentabilidade e a xustiza social.
- Proxecto de recuperación dos solos con bosque comestible.