Celebramos o III Encontro do Globo
O 29 de outubro de 2021 tivo lugar o III Encontro do Globo. Nesta ocasión, atopámonos de xeito presencial arredor de 40 persoas, que representaron ás entidades vinculadas ao Globo, promotoras de micro – experiencias de transformación social, integrantes do Prisma, profesorado, mocidade e outras persoas vinculadas á participación social.
1 novembro 2021 | O III Encontro do Globo celebrouse no Pazo da Peregrina (Ames), como espazo común cun dobre obxectivo: poñer en valor as micro – experiencias de transformación social que se sumaron no ano 2021, e tamén achegar propostas ao Estudo de participación da mocidade en Galicia que levamos a cabo ao longo deste 2021.
E, por fin, chegou o momento de atoparnos de novo físicamente. Comezamos o III Encontro lembrando o que acontecera un ano antes, enmarcando este III Encontro como un espazo espazo de “chegada” onde amosar as micro – experiencias realizadas, e tamén como un espazo de acollida, onde presentar O Globo a entidades que poidan estar interesadas en participar del e facer rede.
Un ano máis, contamos coas e cos artistas que xa podemos chamar residentes do Globo: a imaxe púxoa Idoia Luxan, a música veu da man de Mafe Carrero, e as risas correron das performances de Fran Rei e Pedro Brandariz.
O encontro dividiuse en tres actos, seguindo a metodoloxía do Globo: luces, cámara e acción. Na parte das luces aventurámonos a facer unha fotografía dos nosos activismos, aproveitando a diversidade de persoas asistentes ao Encontro, coa idea de observar e comprender as necesidades ás que nos estamos achegando e dende que posicionamentos. O espazo permitiunos coñecer as nosas ideas sobre a participación e sobre como a estamos desenvolvendo.
Na parte de cámara realizamos unha reflexión colectiva que nos permitiu comprender o que estamos facendo con máis alcance. Proxectamos ideas de futuro no ámbito da transformación social e do traballo asociativo e participativo, intentando achegar propostas concretas e útiles para as persoas asistentes e que están implicadas en entidades ou procesos participativos.
Por último, na parte da acción tiveron o protagonismo as micro experiencias de transformación social que se sumaron ao Globo neste 2021: A saúde mental na adolescencia en época de Covid-19, afondando na industria láctea sostible, As rapazas que fixeron rectificar á Unión Europea, Castañas no verán, Coñecemos as desigualdades do noso barrio, Coñecendo o Comercio xusto, Coidando do noso ceo, Creamos o Espazo de troca de saberes, LibreMente: promoción da participación e do ocio en prisión, Mulleres con motivos, O mercadiño de troco de Bico de Grao, Sensibilizad@s, Unha experiencia de cartografía emocional na cidade de Betanzos, e Xerando xustiza para as mulleres bolivianas, coas que conectamos en liña para coñecer a súa labor.