O mercadiño de troco de Bico de Grao

2021

Bico de Grao S. Coop. galega

ODS12ProducionConsumoResponsable, ODS13AccionPoloClima

Experiencia de consumo responsable coa que se pretende dar unha segunda, terceira e sucesivas vidas a bens que coa súa actual posuidora xa cumpriran o seu ciclo vital. A idea é o intercambio de bens en bo estado entre as participantes, sen que intermedie o diñeiro de curso legal.

Facebook Instagram

Fomentamos o cambio de modelo de consumo dende a acción local

Vivimos nunha sociedade que cada vez consume máis bens e servizos, malia que as rendas non aumentan na mesma proporción. O sobre consumo innecesario, non só afecta á calidade de vida das persoas que cada vez se endebedan máis senón que ademais dana mortalmente ao medioambiente. Só por poñer un exemplo, referido ao consumo de roupa, estímase que a produción téxtil utilizou en 2015 uns 79.000 millóns de metros cúbicos de auga. Para elaborar unha soa camiseta de algodón, precísanse 2.700 litros de auga doce, que é a cantidade estimada que bebe unha persoa en dous anos e medio.

Así mesmo, a produción téxtil, a través de tinturas e produtos de acabado, é responsable do 20% da contaminación mundial da auga potable, e o lavado de materiais sintéticos, xera, cada ano, 0,5 millóns de toneladas de microfibras que acaban nos océanos. Calcúlase tamén que a industria da moda é a responsable do 10% das emisións mundiais de carbono.

Tamén mudou, nos últimos 25 anos, a forma na que as persoas se desfán da roupa que xa non queren, xa que adoitan a tirala en vez de intercambiala ou doala. Dende 1996 a cantidade de roupa comprada na UE por persoa, aumentou un 40% tras unha forte caída dos prezos, que produciu unha redución da vida útil da roupa. Os europeos consomen case 26kg e despréndense de 11kg de téxtil cada ano. Un 87% da roupa é depositada en vertedoiros.

Isto, groso modo, polo que respecta ao impacto medioambiental da industria téxtil, sen afondar na contaminación do seu transporte, das situacións de semi escravitude das persoas  traballadoras e centos de aristas que transversalmente a converten nunha industria absolutamente indesexable.

É por isto que se precisan alternativas que freen, de algún xeito, toda esa maquinaria de consumo que nos leva irremediablemente ao colapso medioambiental e mesmo como sociedade.

 

Fonte

Cambiar o mundo a través do consumo e da economía solidaria

A través deste proxecto o que pretendemos é dar cumprimento a varios Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, en concreto ao Obxectivo 12 de produción e consumo sostíbel e o Obxectivo 13 de cambio climático. 

A través do intercambio de bens, buscamos evitar o consumo de novos produtos, darlle novas utilidades aos xa producidos, minimizar a desigualdade (xa que non é obrigatorio trocar estritamente, senón que se non tes nada que que intercambiar, podes levar o que precises), fomentar a creación de redes de consumo alternativo, evitar o desperdicio e fortalecer o intercambio como xeito de relación social máis igualitaria.

Poñemos en marcha o Mercadiño de Troco de Bico de Grao

A través da realización destes mercadiños de troco, que facemos unhas catro veces ao ano (un por cada estación), pretendemos ofrecer un espazo de intercambio de obxectos (sempre que estean en bo estado) co obxectivo de darlles varias vidas e que sirvan de utilidade para outras persoas. Nos mesmos refléxase claramente como o consumo téxtil é absolutamente desproporcionado en comparación cos outros xa que é, con diferenza, o que máis se troca.

Ademais de habilitar un espazo para o intercambio, foméntase tamén a recuperación de espazos de intercambio, onde a xente se interrelaciona. Así mesmo, atribuímos valor a cousas ás que seguramente xa as desposuiramos por deixar de servirnos.

Colabora con nós o Banco de Tempo de Lugo, agrupación da que formamos parte e que vai un paso máis alá do intercambio de bens, xa que aquí o que se troca é tempo. Tempo a cambio de servizos, fundamentalmente. Como xeito de resistencia capitalista pero tamén como sistema igualitario onde non intermedia o euro. Sírvennos este espazo, ademais de para realizar a actividade en si mesma, para poñer en común e en coñecemento público, alternativas de consumo.

Todo o material téxtil que non se troca, pasa a unha segunda fase, que é a da revisión por parte de Bico de Grao, para ver se hai prendas que se poidan empregar para elaborar bonecos baixo a nosa marca propia Fixenöeu, que elaborarmos a partir de material de refugallo. Buscamos así, evitar todo o que se poida, o desperdicio.

A fase final dos mercadiños, prodúcese coa doazón de todo o non trocado nin válido para facer bonecos, a algunha entidade sen ánimo de lucro.