LibreMente: promoción da participación e do ocio en prisión

2021

Asociación Aliad Ultreia

ODS10ReducionDesigualdade

Formouse a un grupo de persoas en situación de privación de liberdade como dinamizadores de actividades de lecer. Analizaron a realidade do ocio na prisión, deseñaron unha programación e a puxeron en práctica. Esta micro – experiencia foi unha aprendizaxe e posta en práctica de cidadanía activa, na que exercer a autonomía e a toma de decisións.

Web Facebook Instagram

As prisións deben ter un carácter rehabilitador, educativo, e de reinserción social

O artigo 25.2 da Constitución Española de 1978 e la Lei Xeral Penitenciaria 1/1979 establecen o carácter rehabilitador, educativo e de reinserción social das prisións.  

Aínda que se avanzou moito na intervención neste contexto, as condicións de reclusión dificultan unha acción socioeducativa que, como defenden Llena e Parcerisa (2008), capacite ás persoas para ser actores da súa propia vida dentro dun marco de convivencia social, de xustiza, dereitos e responsabilidades. A perda de autonomía é un dos trazos definitorios da vida en prisión, limitando tanto a mobilidade ambulatoria, como calquera posibilidade de xestión da propia vida. As persoas adáptanse a un réxime de vida penitenciario despersonalizador e autoritario, de imposibilidade dunha participación real ao supeditarse toda actividade ao réxime de control. Estes factores promoven a indefensión aprendida e desligarse da asunción de responsabilidades. 

Defende Valderrama (2011) a necesidade de avanzar nunha acción social e comunitaria en prisión, de educación para a cidadanía responsable. Pero iso implica facer as persoas en situación de privación de liberdade, partícipes na organización e xestión das súas propias vidas e das actividades que se realizan, dende o momento presente, na súa situación de reclusión.

O aproveitamento educativo do tempo en prisión

Consideramos que o ocio é un espazo idóneo de relacións sociais e de desenvolvemento de competencias de participación, con forte incidencia nos procesos de integración e cohesión. Pero o tempo libre, tan abundante en prisión, pode ser un contedor de experiencias nocivas ou de baleiro.

Por iso en 2015, impulsamos unha convocatoria de acción voluntaria, aberta a que tanto a poboación reclusa como persoas do exterior puideran presentar propostas de carácter sociocultural para desenvolver na prisión. Esta iniciativa funcionou moi ben para incorporar actividades externas e promover o intercambio coa cidadanía, pero non foi así no caso da poboación reclusa. Vimos que era necesario capacitar ás persoas para analizar a súa realidade de ocio e impulsar propostas. 

Moita da poboación provén de contextos desfavorecidos e non conta cunha experiencia previa de ocio valiosa, debido a desvantaxes estruturais (Alguacil, et. al., 2014; García, et. al., 2018; Temes, 2014). Educar esta dimensión (valoración, capacidade de decisión, construción identitaria a través do ocio, gusto, etc.) convértese nun reto clave, xunto ao de garantir que a prisión ofreza as condicións básicas para o seu exercicio.

Participación y corresponsabilidad. La convocatoria de actividades de animación sociocultural en el centro penitenciario de Monterroso

Unha proposta de cambio dende a participación dos internos

Desenvolvemos o curso no ano 2018, cun bloque teórico dende abril a xuño e un período de prácticas nos meses de xullo e agosto. O grupo estaba composto por 9 homes (prisión masculina) de idades comprendidas entre os 25 e 45 anos.

O sentido desta formación é dar voz e protagonismo aos internos para analizar conxuntamente o significado de “tempo libre” en prisión e a vivencia do ocio, para posteriormente facer unha proposta de actividades de lecer, sustentada na análise das necesidades detectadas polo grupo e desenvoltas por eles como dinamizadores.

Esta experiencia tivo un impacto a tres niveis:

  • Individual, en educación do ocio e a súa dinamización. Todos foron quen de rematar a formación e acadar o título.
  • Grupal, adquiriuse a capacidade de escoitar e traballar en grupo, tomar decisións e ter capacidade de incidencia nas súas realidades.
  • Comunitario, o resto de internos beneficiáronse dunha proposta de actividades máis centrada nas súas necesidades e intereses; abríronse novos espazos ata o momento infrautilizados, como campo de fútbol, e habilitáronse outros novos, como o espazo para a radio.

Froito desta experiencia continuamos a día de hoxe con dúas das actividades: o deporte de verán e a radio LibreMente, que os convidamos a seguir neste enlace.