As rapazas que fixeron rectificar á Unión Europea

2021

IES Aliste

ODS04Educacion, ODS10ReducionDesigualdade, ODS16PazXustizaInstitucions

Esther, María e Paula danse conta, mentres afondaban no funcionamento dos organismos da Unión Europea, de que nun apartado da páxina web asociábase ás persoas refuxiadas co terrorismo. Co apoio do instituto, e alentadas polo espírito crítico, decidiron actuar para conseguir modificar ese texto, contrario aos principios da Unión Europea.

Facebook Twitter

A importancia das palabras ao tratar fenómenos sociais

As palabras non están baleiras, os discursos que nos chegan día tras día a través da televisión, da radio, dos xornais e redes sociais ou por parte da xente da nosa contorna, condicionan a nosa maneira de pensar, pois todas están cargadas dunha determinada ideoloxía. Paula, María e Esther tamén son conscientes disto e decatáronse mentres lían a páxina web da Unión Europea que esta non estaba respectando os valores que di transmitir. Na web de historia da UE, e en referencia ás persoas refuxiadas, aparecía textualmente: “La UE no solo se enfrenta al dilema de cómo atenderlos, sino que también es objetivo de varios ataques terroristas”

Esta cuestión, ademais de non ser un dato baseado en evidencias, o único que logra é desencadear unha profunda ira e rexeitamento cara tódalas persoas que se atopan nesta situación por parte das persoas dos países de acollida.

CEAR: Las personas refugiadas en España y en Europa. Informe anual 2020

A linguaxe, determina a nosa forma de ver ás persoas?

Nesta experiencia a cámara está relacionada co espírito crítico e reivindicativo de Paula, Esther e María, inculcado tamén en parte polo seu profesor, Chema Mezquita, quen as animou a que contactasen coa persoa pertinente para tratar de levar a cabo un cambio necesario.

Para Paula, as palabras utilizadas son inxustas porque “poñen a cruz” ao colectivo de persoas refuxiadas, e defende que “a UE debería representarnos a todos”. A reflexión que se fai é a do uso inadecuado da linguaxe, que propicia unha imaxe negativa e prexuiciosa cara ás persoas refuxiadas, algo que é perigoso pois pode xerar argumentos carentes de veracidade a prol da visión antimigratoria e en contra de persoas refuxiadas por parte de certos sectores da poboación. Esther manifesta claramente: “é aporofobia (fobia ou rexeitamento ás persoas en situación de pobreza) e racismo”.

Unha carta para facer rectificar á UE

A iniciativa que levaron a cabo Esther, Paula e María foi escribir un texto na propia páxina que invitase ás persoas implicadas na redacción desta web a reflexionar en que a maneira de expresarse non era a correcta e era necesario cambiala. Todo isto, tomando como base os propios valores que a UE di defender.

Ante a falta de resposta a esta primeira iniciativa por parte das autoridades competentes, decidiron poñerse en contacto coa Defensora do Pobo Europeo, escribíndolle unha carta directamente a ela. Foi desta maneira como lograron que a páxina web cambiara ese polémico texto en tódolos idiomas nos que está dispoñible, pasando a dicir “La UE se enfrenta al reto de cómo cuidar de ellos (los refugiados) salvaguardando al mismo tiempo su bienestar y respetando sus Derechos Humanos”.

Facendo mudar este texto non só lograron cambiar esta páxina web, senón que conseguiron abrir debate sobre a importancia que teñen as palabras e as repercusións negativas que estas poden ter na sociedade, ademais de visibilizar a importancia dunha educación transformadora.

 

Algúns medios fixéronse eco: El país, ABC, La opinión de Zamora, Zamora news, RTVE, El día de Zamora, Magisterio