Coñecemos as desigualdades do noso barrio

2021

IES Elviña

ODS03SaudeBenestar, ODS04Educacion, ODS05IgualdadeXenero, ODS12ProducionConsumoResponsable

O alumnado de 1º de ESO do IES Elviña decidiu promover esta micro – experiencia, coñecendo as realidades que existen a nivel local, nomeadamente na contorna familiar e veciñal do Instituto, para tomar conciencia sobre as desigualdades.

Web / Facebook / Instagram

As desigualdades sociais no barrio de Segunda fase de Elviña de A Coruña

Para achegarnos á nosa contorna máis próxima, deseñamos, elaboramos e pasamos enquisas entre a veciñanza do barrio sobre distintos aspectos que nos interesaba coñecer. Despois de analizar as respostas á enquisa, atopámonos coas seguintes conclusións:

No bloque no que preguntabamos sobre saúde e benestar, atopamos que a sanidade pública é utilizada pola maioría da poboación, que percibe un deterioro da mesma nos últimos anos, agravada pola implantación das consultas telefónicas. Os servizos complementarios de saúde (próteses auditivas, visuais ou dentarias) teñen un custo dificilmente asumible polo 20% das persoas enquisadas.

No bloque no que abordabamos a educación, a metade das persoas enquisadas responderon que o gasto educativo resultou dificilmente asumible, aínda que se avanzou neste terreo con respecto a anos anteriores. Mais dun terzo das persoas enquisadas non considera importante a educación en valores (dereitos humanos, igualdade de xénero, cultura da paz e non violencia, cidadanía global ou estilo de vida sustentable). Canto máis novas son as persoas que responden, mais importancia lle dan á educación en valores.

Un terceiro bloque da enquisa tiña que ver coa igualdade de xénero. Nos fogares de parellas convivintes, algunhas tarefas tenden a repartirse, aínda que as mulleres continúan asumindo máis carga que os homes (elas encárganse da limpeza e o coidado a fillos e maiores; eles fan reparacións domésticas). A metade das persoas enquisadas non consideran acoso algunhas situacións (piropos, miradas insistentes, asubíos, etc), sendo os homes os que maior importancia lle restaron a estes comportamentos indesexables.

Por último, queríamos coñecer algúns datos sobre produción e consumo responsable. A maioría das persoas que contestaron á enquisa mercan os produtos de alimentación no supermercado ou mercado municipal, sendo decisivos para a compra o prezo e a calidade dos produtos, e non tanto a presenza de plásticos na composición dos envases. Máis dun terzo das persoas enquisadas non escoitaran falar do comercio xusto.

Resultados enquisa Educación Resultados enquisa Igualdade de xénero Resultados Enquisa Saúde