20 decembro 2020 | 21 de decembro de 2020 – O II Encontro do Globo permitiu atoparnos nun espazo común no que compartir micro – experiencias de transformación social moi diversas. Idoia de Luxán plasmou nesta obra o curso do Encontro, sobre o que podes ler mais nas seguintes liñas.

Este 2020 non podíamos deixar pasar o ano sen celebrar os avances do Globo e compartir as experiencias de transformación social nun espazo común. Por este motivo, o sábado 19 de decembro deu comezo o II Encontro do Globo, no que recibimos unha agarimosa benvida dende Solidariedade Internacional, entidade que promove este proxecto. Na benvida agradeceuse a todas as persoas e institucións que fan do Globo un espazo de Educación para a Cidadanía Global.

Para quentar motores, Fran Rei convidounos a deixarnos levar durante o Encontro, compartindo e aprendendo do resto de participantes, e cunha nota de optimismo despois deste ano tan estraño. Seguidamente, tivemos a sorte de contar coa participación de Dona Dora, dende Bolivia. Ela pertence ás Cholitas Escaladoras, e agradecémoslle profundamente as súas palabras de superación, e que compartise a súa experiencia con todas e todos nós.

E chegou o momento de viaxar polo ciber espazo! Para poder coñecer con certa proximidade algunhas micro – experiencias que se uniron ao Globo neste 2020, pasamos do plenario a pequenos grupos nos que poder establecer unha conversa entre as persoas que promoveron as iniciativas e as persoas participantes no Encontro. Foi un espazo de intercambio moi rico, no que compartir ideas, retos, valores e inquedanzas. Agradecemos moito ás voceiras e voceiros das entidades que presentaron as súas micro – experiencias, que non queremos deixar de nomear, e das que podedes ler mais premendo enriba dos seus nomes: Adega, Algaravía, Amnistía Internacional de Galicia, As do oito, Boa noite, Coge3, Diversidades, Intercambiador, Promotoras da saúde en Guatemala, The Respect Game, Simbiose, Son árbore e Sustinea. Agradecer tamén ao alumnado e profesorado de distintos centros educativos galegos que aportaron á experiencia dos Faladoiros do Globo, e ao alumnado da Universidade Senior de A Coruña que propuxo a Experiencia que cambiou a lei.

Despois desta Feira de micro - experiencias de transformación social, foi Mafe Carrero quen puxo un ton artístico e reivindicativo no espazo, compartindo con nós as loitas das mulleres de Nicaragua, a través da súa proposta de música urbana. Por último, Fran Rei puxo o punto final ao acto, que esperamos resultase ameno e motivador para todas as persoas que participaron.

O Globo continúa rodando, camiño dun 2021 no que continuemos transformando a sociedade! Podedes ver un resumo do que sucedeu no seguinte video.