The Respect Game

2020

The Respect Game

ODS10ReducionDesigualdade, ODS16PazXustizaInstitucionsSolidas

The Respect Game é un pequeno espazo virtual no cal nós, catro educadoras sociais, facemos un traballo divulgativo e de sensibilización, achegando información de múltiples temáticas de índole social de forma creativa e orixinal. Contou co impulso inicial de Ecos do Sur. Ata agora abordamos a islamofobia, a importancia do comercio local e a escravitude que se agacha detrás da industria textil.

Ciberodio e desinformación nas redes sociais

A organización Ecos do Sur investigou o tratamento que fai a prensa sobre a inmigración e os comentarios que achegan as lectoras e lectores. Foi nesta investigación, onde se decataron dos altos niveis de discursos de odio, baseados na completa desinformación e cunha marcada ideoloxía que mostraba desprezo a certos colectivos da sociedade. 

Pola nosa banda tamén levamos a cabo unha labor de investigación, na cal observamos como as noticias falsas se converteron nun recurso constante dentro do mundo periodístico. Isto xunto co acceso a internet e a plataformas como Facebook ou Twitter xogan un papel fundamental na súa difusión, pois permiten que con tan so un click se comparta unha nova que non está nin comprobada nin corroborada; provocando que o 70% dos españois non sexan quen de distinguir entre unha noticia verdadeira ou falsa.

Tamén é certo que as novas tecnoloxía democratizaron o acceso a información, pero esta información, en moitos casos, está moi lonxe de cumprir uns estándares de veracidade e rigor necesarios, que unido ao anonimato dos perfís, provoca que estas novas plataformas dixitais sexan un espazo idóneo para a proliferación de noticias falsas promulgando un claro discurso de odio ao colectivo de migrantes e refuxiados.

As nosas fontes:

Redes sociais para a liberdade de pensamento, a tolerancia e a diversidade

Grazas ao proceso de reflexión realizado antes de pór en marcha o noso pequeno e humilde proxecto, recoñecemos dúas principais concepcións que están presentes no imaxinario colectivo do noso contexto social ao redor das redes sociais. 

A primeira é aquela que considera estes medios dixitais como vías para difundir información e comunicarse entre persoas, pero debido á inxente e incontrolable cantidade de información non veraz contida na rede virtual, só supoñen graves problemáticas respecto da creación dunha sociedade verdadeiramente informada. 

En cambio, o segundo paradigma respecto ás redes sociais é aquel que contempla que existen moitos puntos nos que é necesario incidir no proceso de aprendizaxe do uso destas asertivamente, mais entenden que son unha potente ferramenta pedagóxica que cunha utilización adecuada, facilita a participación e a construción dunha cidadanía equitativa, tolerante e con conciencia crítica.

The Respect Game sitúase claramente na segunda concepción, xa que comprende que, a pesar dos obstáculos que o sistema e a cultural dixital actual na cal protagoniza o "fast" como método de consumo, é necesario construír espazos dixitais programados con metas educativas, que fagan fronte ás necesidades da sociedade actual. 

O noso futuro desexado é a construción dunha sociedade na que, a través da asertiva xestión da información e o coñecemento, se alcance a verdadeira alfabetización dixital, que conduza inevitablemente á liberdade de pensamento e a tolerancia á diversidade e pluralismo.

Por tanto, nesta liña a nosa proposta de actuación é a da creación dun recuncho virtual no cal se divulguen temas de índole social, establecendo vínculos comunicativos baseados no respecto e dinámicas de participación a través da gamificación das redes sociais. Para iso seleccionamos cada quincena unha temática que desenvolveremos a través de publicacións na nosa páxina -3 veces á semana-, combinando post teóricos, noticias contrastadas, debates, testemuños, enquisas, etc. Inspirándonos ademais, noutras experiencias presentes na contorna dixital coma @creando.educacionsocial, @eugeniatenebaum, @desireebelal, @vocessocial, entre outras.

The Respect Game: espazo de divulgación e sensibilización en redes sociais

The Respect Game é un pequeno espazo virtual no cal nós, catro educadoras sociais, facemos un traballo divulgativo e de sensibilización, achegando información de múltiples temáticas de índole social de forma creativa e orixinal. Buscamos que toda a poboación se implique de forma activa, por iso realizamos publicacións con contidos teóricos sinxelos e comprensibles, ademais de levar a cabo múltiples dinámicas que requiran da súa participación e implicación (debates, enquisas, xogos de verdadeiro ou falso, etc.) (ver anexo 1)

Ata o momento, as temáticas abordadas foron as seguintes:

Islamofobia: publicacións que teñen como principal obxetivo proporcionar información sobre a problematica e poñer de manifesto a realidade na que se atopan inmersas moitas personas musulmás e inmigrantes. Ademais de facer unha campaña informativa, tamén realizamos unha pequena dinámica online, en colaboración con Ecos do Sur e con Pluralismo e Convivencia, na que se buscaba que as persoas se puxeran na pel das persoas musulmás, e puideran sentir todo o que elas padecen ao ter que enfrontarse de forma continua a situacións racistas e de  odio.

Comercio Local: iniciativa levada a cabo para promover e apoiar o comercio xusto e de proximidade. Dende The Respect Game publicamos listas que recompilan tendas e pequenos emprendementos, co fin de crear conciencia sobre a importancia de comprar baseándose en criterios de sustentabilidade, e proporcionarlle as persoas destinatarias múltiples opcións sobre comercio xusto e sostible.

Made in Esclavitud (Industria textil): as publicacións que se encadran dentro desta temática están destinadas a crear conciencia sobre todo aquilo que se esconde detrás do mundo da moda e o fast-fashion (explotación, desigualdades sociais, etc.).

Para a realización de todo este traballo empregamos, maioritariamente, recursos tecnolóxicos, dado que se trata dun proxecto online que se centra na sensibilización e o traballo divulgativo a través de redes sociais. As plataformas e aplicacións que máis utilizamos son: canva, instagram e facebook.

Con este proxecto, queremos aportar o noso grao de area na creación de sociedades e comunidades críticas e loitadoras, que busquen construír un mundo máis xusto, equitativo e orgulloso da súa diversidade.

Podes seguirnos nas nosas redes:

https://www.facebook.com/therespectgame

https://www.instagram.com/therespect_game/?hl=es