Practica a compostaxe!

2000

ADEGA

ODS11CidadesComunidadesSostibles, ODS13AccionPoloClima, ODS15VidaEcosistemasTerrestres, ODS06AugaLimpaSaneamento

A finalidade deste programa de educación ambiental é divulgar a compostaxe como método de tratamento dos residuos orgánicos a pequena escala no propio fogar ou no barrio subministrando os coñecementos prácticos e o asesoramento individualizado preciso para mellorar esta práctica , consolidándoa como unha alternativa ecolóxica e de futuro .
Mediante esta práctica pretendemos xestionar de maneira ecolóxica os residuos orgánicos domiciliarios, sen necesidade de recollida nin transporte e facilitando a súa conversión nun fertilizante orgánico, o cal permite pechar o ciclo da materia orgánica na natureza.

Modelo de vida insustentable

A nosa sociedade atópase ante un problema que ten que enfrontar, tanto dende o punto de vista ambiental como económico : a xestión dos residuos sólidos urbanos (RSU). É dicir, o lixo.

  • As galegas e galegos xeramos aprox . 1 kg de lixo por persoa ao día.
  • Sumando os residuos da depuración e da construción, chegamos aos 3 kg / hab / día.
  • Na industria xéranse tamén uns 0 , 5 kg / hab / día de residuos tóxicos e perigosos, e considerando os residuos da industria e da minería, superamos os 60 kg / hab / día, cifra que pode sobardar o cento se temos en conta os residuos agrogandeiros.

O vertido de residuos e a súa incineración teñen graves consecuencias ambientais . Os camións de recollida e o seu percorrido diario encarecen todo o proceso e os custos seguen en liña ascendente dende hai varios anos . Ademais os residuos orgánicos do lixo doméstico degrádanse e orixinan solos e augas putrefactas. Temos así a aparición de focos infecciosos puntuais, zonas degradadas e contaminación das augas.

Máis da metade do lixo xerado na nosa sociedade é materia orgánica fermentable. É a fracción máis limpa, libre en orixe de
tóxicos, que pode ser reciclada mediante procesos naturais.

Compostaxe: múltiples vantaxes e infinitas posibilidades

Tradicionalmente aproveitábanse os residuos orgánicos no rural para alimentar o gando e para abono nun estilo de vida autosuficiente. É unha práctica que hai que recuperar e difundir polas súas enormes vantaxes, sendo un exemplo da aplicación dos principios da redución, reciclaxe e reutilización (3R).

As vantaxes da compostaxe son múltiples
Sociais
Contacto das persoas coa natureza, cohesión social, ferramenta de educación ambiental , comodidade...
Económicas
Obtención de abono, aforro na xestión de residuos polo concello e en substrato para xardinería...
Medioambientais
Paliar o cambio climático, fertilidade da terra...

As posibilidades da compostaxe son infinitas

Na casa, na comunidade, na escola, hortas urbanas, na hostalaría...

E ti ... aínda non tes o teu composteiro? Anímate!

En ADEGA levamos case 20 anos realizando programas de compostaxe por toda Galiza . Chegamos a milleiros de fogares e
podemos afirmar que esta iniciativa foi todo un éxito.

O programa de compostaxe ten unha duración prevista de 7 meses que é o tempo que tardan os residuos orgánicos en transformarse en compost, así podemos facer un seguimento de todo o proceso.

A compostaxe en 6 pasos

Dende a nosa asociación queremos agradecerlles a todas as persoas participantes do programa de compostaxe, así como as entidades, concellos e medios de comunicación que dedidiron apostar por este modelo de xestión.

E ti ... aínda non tes o teu composteiro? Anímate!

Contacta con nós: 981570099 / 628378804 / compostaxe@adega.gal

Compostaxe caseira e comunitaria

Manual de compostaxe

FichaMicroExperiencia