A saúde non é só individual: promocionando unha saúde comunitaria

2020

Comunidades de Concepción Chiquirichapa

ODS03SaudeBenestar

Fronte ao alto índice de morbimortalidade por enfermidades infecciosas, un grupo de 22 mulleres e homes de varias comunidades de Concepción Chiquirichapa, Guatemala, decidiron exercer de Promotoras e Promotores Comunitarios de Saúde, traballando na prevención de enfermidades e novos hábitos co obxectivo de poder garantir unha vida sa e promover o benestar de toda a comunidade. 

Alta morbimortalidade por enfermidades infecciosas en Concepción

Concepción Chiquirichapa é un municipio do departamento de Quetzaltenango, Guatemala, formado nun 99% por poboación indíxena Maya Mam. O índice de desenvolvemento humano do municipio sitúao na lista dos 125 municipios do país con maior pobreza extrema e xeral. 
Factores como a desnutrición, condicións de insalubridade das vivendas, así como a mala calidade da auga para consumo humano fan que as principais causas de morbimortalidade no municipio, sobre todo en menores de 5 anos, sexan de orixe infecciosa, especialmente do sistema respiratorio e do dixestivo (parasitismo intestinal, diarrea aguda e amebiase). 
Segundo Diagnósticos Municipais, o gando e as aves críanse ao redor da vivenda con espazos inapropiados ou inexistentes, e a gran maioría das familias non vacina aos seus animais. Practicamente a maioría recoñece ter mala hixiene nas súas vivendas, con patios desordenados e con mala ou nula recolección e clasificación de lixos. Ademais, presentan malos hábitos na hixiene persoal e do fogar e na manipulación e preparación de alimentos que contaminan a comida. 

Fontes:

Plan de Desarrollo Municipal de Concepción Chiquirichapa: http://sistemas.segeplan.gob.gt/sideplanw/SDPPGDM$PRINCIPAL.VISUALIZAR?pID=POBLACION_PDF_911

Diagnóstico Municipal Concepción Chiquirichapa 2009: http://www.municoncepcion.gob.gt/diagnostico.pdf

Prevención como ferramenta

A comunidade tivo múltiples reunións con axentes clave do municipio, como organizacións que traballan temas de saúde, institucións municipais e Consellos Comunitarios de Desenvolvemento, nas que se debateron e analizaron os problemas que presenta a mesma e tamén as solucións. As propias familias, de maneira participativa, achegaron ideas e solucións desde a súa experiencia, cultura e costumes. 
Chegouse á conclusión, de maneira consensuada, de que era especialmente urxente traballar na prevención de enfermidades e promoción da saúde, que diminuíse a alta porcentaxe de morbimortalidade por enfermidades infecciosas. Acordouse tamén que era necesario involucrar aos homes a ese traballo de prevención de enfermidades e promoción de novos hábitos no ambiente doméstico, para que asuman roles xeralmente asociados ao xénero feminino e que sexa así unha responsabilidade compartida. 

Promotores e Promotoras Comunitarias de Saúde: mellorando o benestar da comunidade

De maneira voluntaria, un grupo de 22 mulleres e homes de Concepción Chiquirichapa, ofrecéronse para exercer como Promotores e Promotoras Comunitarias de Saúde. 
Primeiro, levouse a cabo un proceso profundo e estruturado de formación, que permitiu fortalecer as súas capacidades en temas como hixiene persoal e do fogar, manipulación e elaboración de alimentos, manexo e reciclaxe de lixo, manexo da auga, plantas medicinais, etc., e tamén, asumir un rol máis protagónico na promoción da saúde e a prevención da enfermidade nas súas comunidades.
Tras isto, son as e os promotores os que replican eses talleres formativos coa comunidade, multiplicando as aprendizaxes. Ademais, realizan visitas domiciliarias para observar as condicións existentes e asesorar e acompañar ás familias da comunidade para a mellora dos hábitos de hixiene persoal e do fogar e mellorar así o seu benestar persoal e comunitario.