O intercambiador de roupa

2017

Solidariedade Internacional de Galicia - tenda de comercio xusto

ODS12ProducionConsumoResponsables, ODS08TraballoDecenteCrecementoEconomico

Promovido polo grupo de voluntariado da Tenda de Comercio Xusto de Ourense impulsada por a ONGD Solidariedade Internacional de Galicia. Ofrecemos un espazo de reflexión e unha alternativa de consumo á industria da moda. Esta experiencia contribúe principalmente a alcanzar os ODS número 8, traballo decente e crecemento económico e co número 12, produción e consumo responsables. De dúas a tres veces ó ano convocamos e organizamos o espazo onde as persoas veñen a deixar a roupa que estando útil xa non usan e a coller as prendas que precisen ou queiran do resto de participantes. Levamos en acción 4 anos.

Consecuencias sociais e medioambientais da Industria Téxtil

1) As emisións de Gases de Efecto Invernadoiro (GEI) da produción téxtil global superan as de todos os voos internacionais e o tráfico marítimo combinados ( 24 ENE, 2018). 

Fonte: https://unfccc.int/es/news/la-onu-quiere-que-la-industria-de-la-moda-se-implique-en-la-accion-climatica-para-el-desarrollo

2) Ningunha das 20 marcas de roupa avaliadas no informe Salarios Dignos 2019 foi capaz de demostrar que as persoas empregadas en Asia, África, América Central ou Europa do Leste están cobrando un salario digno

Fonte: Salarios dignos 2019 Setem

3) O equipo de investigación de Greenpeace tomou mostras dos vertidos de dous grandes provedores téxtiles de China, o maior centro de fabricación téxtil do mundo. Atoparon unha gran variedade de sustancias químicas perigosas que se vertían os ríos, incluíndo alquilfenois, prohibidos en Europa, así como compostos perfluorados (PFC).

Fonte: Greenpeace Internacional (2011), Dirty Laundry: Unravelling the corporate connections to toxic water pollution in China, 13 julio 2011: https://www.greenpeace.org/archive-international/en/publications/ reports/Dirty-Laundry/

Podemos consumir moda de xeito responsable?

Concluímos que as consecuencias da Industria Téxtil son moi prexudiciais para o medio ambiente, dende os cultivos extensivos de algodón, pasando polas fábricas e o transporte, ata a enorme cantidade de refugallos que a moda rápida produce.

Por outra banda, as consecuencias sociais son de escravitude, nos países empobrecidos, onde se sitúan as fábricas, as persoas traballadoras están moi lonxe dos salarios dignos ou do resto de dereitos laborais e nos países consumidores moitas persoas crense obrigadas a mercar en cada nova tempada para manter a súa imaxe e status.

Montamos o Intercambiador

Decidimos ofrecer unha alternativa de consumo responsable, visibilizando o problema e creando tamén un espazo de encontro e colaboración para as persoas con inquedanzas sobre a sociedade de consumo.

Ao longo das distintas edicións o Intercambiador foise modificando para adaptarse as diferentes circunstancias e as suxerencias das participantes, como por exemplo, limitar o número de prendas, que facer coa roupa sobrante ou a edición especial “volta ó cole”.

Sempre sen perder de vista que sexa unha iniciativa aberta e libre. Por estas razóns, o Intercambiador está en constante cambio e mellora.

Cada edición tivo unha duración media de 1 mes e participaron, tamén de media, 50 persoas.

Aproveitando o espazo, o ordenador e a impresora da Tenda de Comercio Xusto fixemos unha campaña de carteis para a rúa e as RRSS . Usamos as mesas e os manteis das que dispomos para mostrar a roupa aportada por as persoas participantes. As perchas e burros foron doados polo voluntariado e clientela. Manteñen a orde as dúas traballadoras da Tenda. Unha vez finalizada cada edición colaboramos con outras ONGs, da cidade levándolles a roupa que non se trocou.

Anexo