Celebramos o V Encontro do Globo!
O Globo celebrou este martes, 20 de xuño, o V Encontro entre entidades sociais, alumnado e diversos colectivos pola transformación social. Nesta nova edición, celebrada en Santiago de Compostela, participaron arredor de 80 persoas.
20 xuño 2023 | A ONG Solidariedade Internacional de Galicia, daba a benvida ao Encontro, dando paso a Diana Sieira e Marita Martínez, que exerceron de mestras de cerimonias, neste V Encontro no que se deron cita entidades sociais, alumnado de distintos IES galegos, e persoas vinculadas ao ámbito social. O Encontro sacou partido da arte, do humor e do xogo como metodoloxías educativas. A improvisación, a regueifa, a fotografía, a ilustración ou os xogos cooperativos puxeron o foco na capacidade do Globo como proxecto de Educación para a Cidadanía Global.
O momento central do Encontro foi a Feira de microexperiencias de transformación social, onde as entidades puxeron en valor as iniciativas desenvoltas ao longo do ano. Nesta edición contamos coas experiencias promovidas polo CPR Nebrija Torre de Hércules, Asemblea de Estudantes de Educación Social (USC), IES Fernando Wirtz, Fundación Eduardo Pondal, Xeracción S. Coop. Galega, Centro de salud Las Trementinas, ATEGAL, Ágora, Farmacia e Parafarmacia do CPR Nebrija, Movemento Veciñal Fousas ao monte, Universidade Nacional Autónoma de Honduras Tecnológico de Danlí, e Alalá S. Coop. Galega.
As máis de 70 experiencias de transformación social que compoñen O Globo constitúen un observatorio das inquedanzas da mocidade e do tecido social, que interveñen en temáticas tan diversas como a resposta fronte o acoso sexual no ocio nocturno, a fenda dixital, a dinamización do rural ou a saúde mental. Estas experiencias, xunto coas do Sur Global, compartíronse durante o V Encontro do Globo nun espazo interxeracional, participativo e enriquecedor.