Escola de verán da aldea O Couto

2023

Fundación Eduardo Pondal

ODS04 Educacion, ODS05 Igualdade Xenero, ODS12 Producion Consumo Responsable, ODS16 Paz, Xustiza e Institucions

Trátase dunha convivencia interxeracional que pretende achegar ás crianzas un sentimento de pertenza, de coidado do rural e da nosa cultura, relacionándose diariamente con diferentes xeracións da aldea e traballando diversos eidos (a fala galega, a música tradicional, a importancia do rural...) para que, mediante o xogo e a experimentación, cada persoa atope o seu lugar, toda persoa ten cabida, transmitindo o lema ACEPTAR-RECOÑECER-ESCOITAR.

Instagram

Convivir no rural, coa súa xente e costumes, para preservar a nosa cultura e tradicións

Existen dous problemas reais na sociedade galega actual, os cales están investigados polo IGE e dende a escola de verán queremos traballar para reducir.

O Instituto Galego de Estatística (IGE), rexistra a nosa Comunidade Autónoma unha superficie de 29.576,74 km2. En 2021 a súa poboación estaba conformada por 2.695.645 persoas, cunha taxa de natalidade do 5,65% e unha taxa de mortalidade do 12,17%. Ao comparar estes datos obtemos un saldo vexetativo de -17.598, é dicir, a diferenza entre os nacementos e defuncións é moi notable, existindo un maior número de mortes en comparanza ao rexistro de nacementos. Debemos ter presente que Galiza, actualmente, componse por milleiros de núcleos rurais, moitos deles despoboados e outros cunha taxa de natalidade negativa, a tenor das cifras proporcionadas polo IGE.

Por outra banda a porcentaxe de cativos e cativas que nunca falan galego disparouse dun 29,59% no 2008 ao 44,13% no 2018.

“El proceso de desgalleguización está siendo rapidísimo porque no se adoptan las políticas adecuadas para mantener la lengua regional minoritaria que más hablantes tiene en Europa”. Monteagudo, 2019. El País

Debemos falar do ámbito rural como un espazo e lugar que ao longo dos anos construíuse unha serie de tradicións e formas de relación singulares, creando unha cultura propia e vinculando a todas as persoas da comunidade nas tarefas sociais. Cabe destacar que estas rutinas influíron nas relacións sociais, sendo moito máis próxima a de quen habita en espazos non urbanos, onde a auto axuda colectiva é frecuente, xa que a orografía de Galicia facilita o espallamento dos núcleos de poboación, sendo máis pequenos e conducindo a un contacto máis estreito entre quen os habita.

O noso propósito principal é que as crianzas teñan contacto coas rutinas do rural e coas persoas que durante anos conseguiron manter vivos estes coñecementos culturais propios da nosa terra, dende a lingua, ata os traballos do agro ou musicas tradicionais.

Se queres ser universal, fala da túa aldea

Xa que non podemos aumentar o número de poboación dun núcleo rural, podemos promover que os cativos que viven na cidade coñezan que existen espazos libres de tráfico, de contaminación... ensinándolles a querer a súa terra, a respectala e a valorala, para que nun futuro poidan considerar vivir no rural, formar aquí a súa vida e facer que as aldeas non queden desertas porque esta na súa man o cambio, na man das novas xeracións.

Por iso, apostamos pola transmisión do sentimento de pertenza das persoas mais maiores á rapazada. Traballando asemade a importancia da nosa lingua, o seu uso e veneración. Todas as persoas implicadas na Escola de Verán empregan en exclusiva o galego, e moita cativada, que ao inicio falaba só castelán, rematou por comunicarse só en galego. En ningún momento se impuxo o idioma, simplemente se creou un ambiente seguro, no que expresarse é un acto respectado.

Fotografía Cartaz

Sensibilizar sobre a educación no rural

Tras 41 edicións da escola de verán os valores iniciais seguen presentes e a forma de traballo é similar. Quen na nenez asistiamos á Escola de Verán, agora somos o monitorado, polo que sabemos de primeira man o que funciona e o que non funciona. Hai un relevo xeracional, considerando este aspecto coma unha das claves do éxito deste proxecto, ademais da gran implicación por parte da veciñanza da aldea.

Todo tipo de aprendizaxe é bidireccional, creando un ambiente seguro e libre, onde todas as persoas son escoitadas e valoradas, xerando grandes vínculos sociais, sentíndose parte dun fío cada vez mais forte, dotado dunha gran confraternidade e apoio. Promovendo asemade a integración social, traballo en equipo, compañeirismo, solidariedade... tentando estimular sempre a creatividade propia de cada persoa.

A escola de verán foi un dos proxectos que axudou a Aldea do Couto a convértense nun revulsivo social e referente para moitas asociacións e concellos, onde a implicación do voluntariado mozo e sénior é motor deste proxecto, ofrecendo unha oferta rica en coñecementos e estímulos, dando paso a un espazo pracenteiro para crecer e descubrir independentemente da idade que teñas. Sabemos que a EDUCACIÓN é a clave para progresar e contribuír de forma sostible á mellora da sociedade.

 

Tras 41 edicións, máis de 200 nenas e nenos gozan das instalacións da Escola de Verán. Rapazada dende os 3 ata os 18 anos, cunha implicación de 28 monitores e monitoras de tempo libre, xunto a 10 voluntarios e voluntarias sénior, que creamos un ambiente harmónico e seguro para toda aquela persoa que queira formar parte de Escola.