10000 Menos
A acción de luces e sombras contra os lumes en Ourense #10000Menos é unha proposta de acción artivista con luces e sombras nas fachadas, convocada por Sustinea con motivo do Día para a Redución dos Desastres Naturais, para concienciar e demandar ás institucións medidas reais fronte os lumes.
Se seguimos así, en menos de 40 anos os lumes acabarán cos nosos montes
Nos últimos 20 anos queimáronse 260 mil hectáreas en Ourense, dos 727.300 totais. MÁIS DUN TERZO DA NOSA TERRA!
Este verán as chamas arrasaron 10.000 hectáreas máis levándose dous dos nosos tesouros ambientais (o Parque Natural do Xurés e o Macizo Central). Das 60.000 hectáreas calcinadas en España en 2020, máis de 15 mil corresponden a Ourense, aproximadamente un 25%.
CAUSAS:
- A perda demográfica e o despoboamento rural (o 98% dos montes galegos pertencen á propiedades privadas como causa dun minifundismo endémico).
As malas prácticas agrícolas e gandeiras.
Os monocultivos de pino e eucalipto.
O cambio climático e as condicións metereolóxicas adversas sumado a un solo con baixa retención de auga as insuficientes políticas de prevención.
E por último, a xeneralizada ausencia de coidados da Natureza.
SOLUCIÓNS:
- Voltando e fomentando a vida no Rural incentivando á agricultura e a gandeiría ecolóxica.
- Repoboando os montes con especies diversas e autóctonas.
- Deseñando os coidados dos montes de forma sostible e comunitaria.
- Entendendo que as árbores, as fragas, o solo e toda a riqueza de biodiversidade existente danos a Vida e son patrimonio natural e cultural a defender, conservar e rexenerar.
Fontes:
https://elpais.com/espana/2020-09-19/ourense-el-incendio-infinito.html
https://www.farodevigo.es/portada-ourense/2020/09/21/ourense-situa-provincia-castigada-fuego/2342936.html
https://www.miteco.gob.es/es/biodiversidad/temas/inventarios-nacionales/inventario-es[...]istema-indicadores/06c-estadistica-incendios-forestales.aspx
https://www.mapa.gob.es/es/desarrollo-rural/estadisticas/avance_1_enero_31_diciembre_2019_tcm30-537398.pdf
As medidas reais contra os incendios son urxentes e necesarias
Neste ano de pandemia mundial e restricións debido ao Covid, as manifestacións e concentracións víronse moi limitadas, por non dicir prohibidas en moitos casos (en outubro en Ourense xa non estaba permitido xuntarse con persoas fóra do núcleo convivencial).
Con todo, alzar as nosas voces contra as inxustizas e tomar as rúas para concienciar á cidadanía séguenos parecendo fundamental, sexa como sexa, para transformar a sociedade.
Tras o sucedido no último verán, e vendo que os incendios se repiten cada ano acabando coa vida dos montes sen que ninguén tome medidas que preveñan e eviten os incendios, desde Sustinea decidimos facer este pequeno chamamento á conciencia da cidadanía, para que tomase parte da acción e xuntas presionar ás institucións para poñan fin a esta catástrofe ambiental antes de que sexa demasiado tarde. Unha acción comunicativa e artística, inspirada na Acción Global polo Clima realizada o 24 de abril desde Alianza polo Clima, Fridays for Future e Rebelión polo Clima.
Planificamos esta acción considerando a súa aplicabilidade para calquera reinvidicación dentro das restriccións de mobilidade, visibilidade ás problemáticas culturais ou de calquera índole.
Acción #10000Menos
Proxección en fachadas con plantillas para visiblizar os lumes. Desde Sustinea lanzamos a campaña #10000MENOS para visibilizar o tesouro perdido durante os últimos incendios ourensás, e chamando a tomar conciencia sobre a complexidade dos lumes, vendo todas as luces e sombras que se ocultan na xestión dos montes galegos.
Con motivo do 13 de outubro, o Día Internacional para a Redución dos Desastres Naturais, convidamos á xente para participar a través de RRSS nunha pequena acción artística, proxectando luces na fachada para concienciar ás persoas da importancia de protexer os nosos montes, e demandar ás institucións medidas reais que freen esta catástrofe.
Unha acción moi sinxela para facer desde casa (dadas as restricións en Ourense por Covid). Para elo, publicamos unha pequena guía cos pasos para seguir para realizar a acción e o material para que puidesen usala (aínda que se convidaba a usar a imaxinación creando outras diferentes).