A fábrica de Coge3: o cambio
A nosa actividade xorde dun clube de kitesurf, sup e surf en Barreiros. Vendo a falta de implicación existente, ou facíamos algo transgresor, ou tiñamos que baixarnos deste proxecto, debido a que a falta de implicación das persoas acaba minando os teus sentimentos.
Decidimos facer algo transgresor, e logramos unir empresas, colectivos e colexios entorno a un ben común: o fomento da reciclaxe. Unha vez unidos desenvolvemos unhas máquinas co fin de converter o lixo mariño en obxectos útiles; obxectos de uso cotián; quillas de surf, peites e próteses para persoas con diversidade funcional.
A plastificación do Océano
Coge3 realizou un informe en colaboración con Universidades galegas no que se reflicten os resultados de mostraxes realizadas en praias de Galicia e Portugal así como a influencia que teñen os ventos e mareas na chegada de lixos ós areais. Os datos máis salientables son os seguintes:
- Os plásticos que chegan ás nosas costas tardan entre 100 e 1000 anos en desaparecer: PET (plásticos máis habituais en botellíns de auga mineral); Polietileno de alta densidade; PVC ; Poliestireno (vasos e pratos dun só uso); LPDE (bolsas dun só uso); e Polipropeno (envases médicos, palliñas…).
- Máis do 60% do lixo que aparece nas costas provén de barcos e sector marítimo que non respecta o tratado de MARPOL. O turismo masivo, fábricas e industria situadas a escasos metros da costa fan que a cantidade de lixo aumente. A maior parte de residuos por volume corresponde a restos de aparellos de pesca, seguido do plástico PET.
- Os microplásticos abundan máis que os macroplásticos, xa que estes entran en contacto con peixes e aves mariñas causando un grave trastorno nos ecosistemas.
- A xestión dos residuos é pésima, xa que os produtores dos envases son os mesmos que se encargan do seu procesado, sendo isto máis custoso que a fabricación dun novo produto.
A avaricia está detrás dos desastres ambientais
Os e as causantes da xeración de residuos desmesurada somos nós como persoas consumidoras, mantendo actitudes como crernos con dereito a dilapidar os recursos da natureza para o noso beneficio, vernos como observadores independentes da natureza, crernos como o centro do Planeta e pensar que os nosos actos individuais non teñen impacto colectivo.
Outra causa desta xeración de residuos incontrolada é o modelo capitalista no que vivimos, xa que xustifica o uso de recursos naturais en aras do crecemento e desenvolvemento. Este modelo baseado en estragar ten que ser substituído por outros modelos que opten por conservar e reempregar os recursos. Os nosos lexisladores e lexisladoras deberían adoptar novas condicións para a xestión dos recursos colectivos, impoñer un enfoque ético e valorar o impacto dos avances tecnolóxicos sobre o ecosistema e culturas locais.
Debemos cuestionarnos de onde veñen os problemas medioambientais, pensar a medio-longo prazo, afrontar as situacións conflitivas en vez de fuxir delas, deixar de consumir impulsivamente e sentirnos parte dunha aldea común.
Pequenas accións, grandes resultados
Coge3 fomenta o pensamento crítico en torno ás condutas negativas sobre os residuos a través de accións comprometidas:
- Fomentan a limpeza dos areais animando ás persoas a que recollan 3 residuos cada vez que saen á natureza e suban a foto ás redes sociais. Esta iniciativa conta hoxe con voluntarios en todo o mundo.
- Despois do éxito acadado comezaron a facer campañas de concienciación e sensibilización en colaboración con colexios de Galicia e outras comunidades promovendo actividades medioambientais sobre redución do consumo de plásticos.
- Crearon decálogos de redución de consumo de plásticos nos fogares.
- Fixeron un documental chamado “As bágoas da serea” financiado mediante unha campaña de crowfounding.
- Desenvolveron tres máquinas que reciclan o lixo mariño e convérteno en obxectos útiles implicando no proxecto a outros profesores e a persoal do departamento de polímeros da Universidade da Coruña.
- Actualmente están a traballar nun proxecto no que colaboran coa Fundación Misela, transformando os residuos en próteses para as persoas con diversidade funcional.