O lixo reemprazou o noso mar
Nesta micro-experiencia levada a cabo polo alumnado de 4º da ESO do IES Urbano Lugrís leváronse a cabo accións para concienciar á contorna sobre a importancia de coidar o medio mariño
Aprendendo sobre a problemática
Para poñernos de acordo sobre unha problemática que nos preocupaba ao conxunto do grupo, decidimos centrarnos no obxectivo 14 dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), que fai referencia a “conservar e utilizar de forma sostible os océanos, os mares, e os recursos mariños, para o desenvolvemento sostible.” Os ODS forman parte do Programa de Nacións Unidas para o Desenvolvemento.
Algúns datos sobre o mar e o desenvolvemento sostible nos que nos baseamos foron:
- 3.000 millóns de persoas dependen directamente da biodiversidade mariña para o seu sustento.
- Os plásticos tardan moitísimo tempo en descompoñerse. Por exemplo:
O fío de pesca: 600 anos
As botellas de plástico: 500 anos
Os cubertos: 400 anos
Algunhas reflexións
O obxectivo principal desta micro-experiencia era concienciar ao resto de persoas do IES sobre a importancia da conservación de praias e océanos.
Hai que ter en conta que A Coruña é unha cidade de mar, na que gran parte da riqueza provén da pesca e do turismo. As principais reflexións que fixemos xiraron entorno ás cuestións que nós podemos intentar cambiar, dende a nosa capacidade e alcance, con accións que axuden a coidar do noso mar. Algúns exemplos de accións que nos planificamos:
- Eliminar o uso de plástico na vida cotiá
- Levar a cabo actividades de sensibilización e recollida de lixo nas praias ou barrios no entorno do instituto
E agora, que?
Despois de analizar o problema e facer unha reflexión crítica en grupo, acordamos levar a cabo as seguintes accións:
- Recollida simbólica de plásticos o día 22 de maio de 2019. Esta acción a podedes ver neste vídeo, que fai un percorrido polo conxunto da experiencia.
- Panel en Jin-Jang, artesanal e con motivos mariñeiros, elaborado con elementos recollidos no entorno
- Pancarta con lema e debuxos
- Presentación coa información principal sobre o tema
- Reportaxe para difusión no instituto e medios de comunicación. Ademais, podedes visitar o noso blogue.