O Venrespirar
É unha festa que xorde da inquedanza dun grupo de bailadoras e bailadores por atopar un espazo onde disfrutar dun baile “rente ao chan”. Ten como eixo fundamental a divulgación, visibilización e posta en valor da música, o canto e o baile tradicionais. Tamén busca facer cidade e reivindicar o espazo público, o baile comunal, a música de tradición oral en directo… Pero, sobre todo, bailamos xuntas, sen estereotipos nin roles de xénero tanto na música coma no baile, nunha festa feminista e diversa.
Facebook: @Algaravia / Instagram: asoc_algaravia
Atrás, atrás, adiante
Que a tradición é machista pode parecer unha obviedade, pero ao preguntarmos desde cando é a tradición machista, a resposta varía en segundo que eido nos atopemos.
Neste caso imos facer foco no Baile comunal galego (baile tradicional galego) e por extensión na música de tradición oral (música tradicional galega), pois podemos entender a música sen o baile, mais dificilmente ao contrario.
O machismo na música non é nada novo, podemos atopar nas letras das cantigas tradicionais exemplos de machismo moi claros coma no Cancioneiro de Casto Sampedro (ver Anexo I) onde atopamos ben marcada a división dos espazos, división entre o público e o privado (a muller na casa e o home fóra dela), a división tamén nos instrumentos (o home toca a gaita) e mesmo nos propios oficios.
Blanca Villares, na súas Reflexións sobre a pegada da violencia contra as mulleres nas cantigas da montaña de Lugo recolle cantigas de tradición oral desa zona na que podemos ver a normalización da violencia cara as mulleres ou sobre o consentimento (ver Anexo II).
No baile acontece o mesmo… Basta con poñer o Luar, ou ver unha actuación dun grupo folclórico e observando decatámonos dalgunhas cousas:
1) Os homes guían o baile, aínda que sexan minoría, aínda que bailen peor, aínda que non queiran, eles deben ser os guías. As mulleres son levadas (tanto nos soltos coma nos agarrados).
2) As filas de bailadores e bailadoras non deben ser mixtas, homes por unha banda, mulleres pola outra. Polo tanto parellas heteronormativas (home-muller).
3) Os brazos dos homes ben altos e as mulleres os brazos máis baixos
4) As pernas: os homes cos xeonllos ben arriba, enérxicos e as mulleres, movementos de cadeira xeitosiños e que non salten moito.
5) A roupa: os homes coa comodidade do pantalón e as mulleres coas saias e os pesados refaixos.
Moitas das persoas que logo desfrutan de festas e foliadas (totalmente distinto ao contexto dos grupos folclóricos descritos anteriormente), veñen educadas nestas agrupacións, convivindo dúas situacións en dous planos diferentes: o formal e o informal (ver Anexo III).
Mentres no contexto formal mantéñense estas divisións estereotipadas entre homes e mulleres, no contexto informal (as foliadas, os festivais…) atopamos unha maior diversidade. Persoas bailando con persoas, os corpos bailando como queren ou como poden. As señoras coas señoras, os señores cos señores, a mestura de idades…
Todas estas diversidades son as que se perden no contexto formal, escolas e agrupacións de baile que seguen a perpetuar estes roles e estereotipos que aceptamos como válidos. (Fantasía da aceptación, Mercedes Peon)
AnexosVenrespirarDálle unha volta á tradición! E agora, quen saca punto?
O risco de manter a tradición estancada é a súa fosilización, desuso e finalmente o esquecemento. Extraer o esencial e adaptalo a unha sociedade que tamén muda, será a única maneira de mantela viva, non só nos escenarios, senón tamén nos contextos do cotián.
As ansias de cambio e de debate no ámbito do baile, canto e música colectivas de Galiza, son palpables, como así o demostran as numerosas conferencias, charlas e xornadas sobre o tema que se están a organizar ultimamente (ver Anexo IV) ou mesmo a gran cantidade de alegacións presentadas ante a Resolución provisional para declarar o Baile galego como Ben de Interese Cultural (ver Anexos V e VI).
A forma na que o baile e a música se practicaron na nosa terra, dan hoxe a sensación dunha gran uniformidade. No entanto, grande parte desta aparencia homoxénea é o resultado dunha serie de transformacións encadradas dentro das políticas franquistas de unificación rexional dos territorios, dentro do seu proxecto de España. Así, o baile converteuse en danza, a vestimenta engalanouse e regularizouse, como tamén os modos de bailar, o tipo de pezas...
Pero se afondamos na historia da nosa música e do noso repertorio, atopamos multitude de testemuñas que dan unha visión moi afastada desa suposta tradición folclórica que se nos quixo impoñer no franquismo. Para que bailaban antes as persoas? en esencia, para o mesmo que o facemos agora. A xente bailaba no torreiro dunha forma espontánea e creativa, dando pé á improvisación co obxectivo claro de socializar e divertirse. Bailar, como cantar e tocar, eran formas de relacionarse e facer comunidade. Cando vemos filmes de épocas pasadas (principios do século XX, por exemplo o de menos parecía ser a roupa (as roupas si, como en toda festa, eran seguramente as mellores, pero as modas, como todo, foron cambiando).
Temos polo tanto que a esencia non radica en ningún deses aspectos que hoxe queremos mudar.
Debemos ser responsables e facer un cribado para adaptar as nosas tradicións aos valores actuais da sociedade: valores de diversidade, de igualdade, de feminismo... Para comezar debemos primeiro preguntarnos "cal é a esencia?" e "que é o que queremos transmitir?"
En canto aos obxectivos, nun futuro inmediato desexamos algo que xa está comezando a ocorrer e que trata de crear espazos diáfanos apropiados para revisar/deconstruír/transformar a tradición para, despois, construír en igualdade. Nun futuro a medio prazo desexamos que esa reformulación/transformación se faga palpable mediante a visibilización daqueles outros contextos (informais) e diversidade de formas de exercer a tradición e na existencia de referentes diversos.
Para iso, haberá que buscar a maneira de convencer a tradicionalistas, reaccionarios, puristas da tradición; normalmente son persoas que exercen a tradición no ámbito do espectáculo, e que se amparan na suposta autenticidade. Mudaron cousas como o material co que se constrúen os foles das gaitas, antes de pel e agora de Gore-Tex®, ou nas gaitas, as ferreñas de chapas de bebidas… e non se criticou.
Outros obstáculos son a existencia de referentes machistas ou a invisibilidade das alternativas.
Venrespirar. Festa Tradicional Itinerante
Desde Algaravía queremos compartir a nosa microexperiencia de transformación social, unha festa itinerante de música e baile tradicional, libre de violencias e estereotipos de xénero, onde a xente poda bailar e divertirse en liberdade. Na cidade de Ourense xa se leva celebrando, de forma ininterrompida, dezasete anos.
O Venrespirar. Festa Tradicional Itinerante, é unha festa que xorde da inquedanza dun grupo de bailadoras e bailadores por atopar un espazo onde disfrutar dun baile “rente ao chan”. O Venrespirar xorde en Ourense no ano 2003, e dende entón leva celebrándose de maneira ininterrompida. Ten como eixo fundamental a divulgación, visibilización e posta en valor da música, o canto e o baile tradicionais. Celébranse cinco ao ano, un venres ao mes desde febreiro ata xuño. O Venrespirar itinera pola cidade de Ourense e arredores, buscando espazos amables para o evento (terreo axeitado, iluminación, lugares abertos…) co obxectivo de facer cidade e reivindicar o espazo público, o baile comunal, a música de tradición oral en directo… Bailamos xuntas, sen estereotipos nin roles de xénero tanto na música coma no baile, festa feminista e diversa.
A estrutura da festa baséase en contar con 2 grupos e facer unha foliada previa inscrición. Para iso precísanse os seguintes recursos:
- Humanos (organizadorxs, musicxs, técnicxs de son…)
- Espazos axeitados (chan, amplo, iluminación, bar, baño…)
- Financiación
- Informáticos (RRSS)
- Cartelería
- Merchandaising
- Equipo de son (non imprescindible, en función dos grupos)
Todo o mundo é destinatario desta festa e pode participar do seguinte xeito:
- Olha as publicacións que se difunden a través das RRSS e a cartelería na que se especifica a información relativa ao evento : data, lugar, horario, nome dos grupos, obradoiros, etc.
- Difunde! Comparte a información a través das RRSS.
- Inscríbete como público, só no caso de existir restriccións de aforo (caso dun local ou recinto pechado, ou como na actual situación de Covid-19). De non existir, a asistencia é libre.
- Inscríbete se queres participar na foliada (a actuación será segundo orde de inscrición)
- Acude con roupa cómoda, instrumentos e un copo reutilizable.
- Vén con boa actitude.
- Respecta a tódalas persoas.
- Divírtete, canta, toca e baila con quen che preste!