Vinculando a historia da arte coa educación menstrual
No 2020 creouse un grupo de menstruación consciente no marco do colectivo Café Feministas de Almería, xurdido da necesidade de rachar estigmas, reivindicar o papel das mulleres na sociedade na que o tabú menstrual forma parte da opresión patriarcal, e garantir ás mulleres o acceso á información oportuna. A menstruación, entendida e empregada como símbolo identitario de feminidade, converterase en obxecto de creación e iniciará novas visións e plantexamentos dos corpos das mulleres
Por que non chamamos á menstruación polo seu nome?
A menstruación é un fenómeno que abrangue numerosas intervencións en canto á reprodución, psicoloxía, antropoloxía, filosofía, e o ámbito social e cultural. Enlaza coas cuestións primordiais da vida das mulleres: a experiencia corporal e existencial, a unión co propio corpo, a capacidade de tomar decisións sobre a procreación, o feminismo, a identidade, o papel feminino na sociedade, a temporalidade, a xestación e o aborto, o íntimo e o público.
“As normas socioculturais nocivas, o estigma, os prexuízos e os tabús que persisten entorno á menstruación seguen sendo unha das principais causas de exclusión e discriminación das mulleres e das nenas”, segundo apunta a ONU nun comunicado conxunto, emitido en vésperas do Día Internacional da Muller, o 8 de marzo de 2019. Os eufemismos teñen un propósito, dannos palabras para falar sobre cousas que culturalmente son consideradas tabú e, neste caso, o impacto dos tabús menstruais é claro.
Menstruar non só é fisioloxía, é un feito cultural e político. Cada cultura, cada sociedade, constrúe unha concepción propia sobre o significado de menstruar, polo que este feito converteuse nun estigma sen fronteira. Aínda que hai países que aboliron as prácticas discriminatorias e implementan políticas para evitalas, hai moita indiferenza política e lexislativa con respecto aos dereitos humanos das mulleres durante o seu ciclo menstrual, o que debe cambiar xa. As persoas expertas sinalan que esta situación súmase as dificultades que teñen para conseguir produtos e instalacións de hixiene e saneamento, polo que moitas rapazas e mulleres deixan de ir á escola ou ao traballo, co que isto implica na súa educación e situación económica.
Os tabús que persisten na sociedade supoñen distintos graos de perigo para as mulleres, identificando dende o sentimento de incomodidade, ata verdadeiras ameazas para a saúde das mulleres. Neste contexto, cabe sinalar a crenza de que a dor menstrual é normal e asumible, o que non debería estar normalizado xa que en moitas ocasións poden estarse agochando síntomas de enfermidades de especial gravidade, ou patoloxías que impiden o desenvolvemento dunha vida normal. Asi mesmo, en numerosos países, as mulleres aínda son consideradas “contaminadas e impuras” mentres se atopan menstruando, impoñéndoselles restricións de todo tipo. Non se lles permite tocar a auga ou cociñar, non poden asistir a cerimonias nin lugares relixiosos ou culturais, e non poden participar en actividades comunitarias. Aínda peor, en certos lugares non poden entrar ás casas, sendo confinadas en alpendres nos que sofren frío e illamento, ademais do risco de contraer enfermidades.
Estas prácticas reforzan o estigma e a vergoña que proveñen dos estereotipos que envolven á menstruación e que impactan en todos os aspectos da vida e no goce dos dereitos humanos das mulleres e, en especial, das nenas. Ao longo da historia son numerosos os estudos antropolóxicos, históricos, sociais e políticos que demostran que a menstruación, algo natural, foi convertido nun elemento que vulnera os dereitos das mulleres (especialmente adolescentes), ao non estar informadas sobre os campos propios do seu crecemento, non sendo comprendidas e non contando con infraestrutura adecuada ás súas necesidades: pouca información, vergoña e tabú, violencia e inadecuados servizos hixiénicos.
A estas graves complicacións, nos países menos desenvolvidos súmaselle problemas económicos para acceder a compresas ou tampóns (se estes últimos están dispoñibles), e un elevado número de poboación non ten acceso a saneamento básico nin dispón de instalacións sanitarias nas escolas, traballos ou nos domicilios.
Por estas razóns, debe existir o acceso á hixiene, garantindo a privacidade e podendo empregar insumos de xeito privado e íntimo. Destacamos tamén o dereito a non vivir con incomodidade e vergoña, xunto a poder conseguir artigos de hixiene e acceder a información para evitar trastornos. É urxente garantir o dereito das nenas e adolescentes a acceder a información completa e oportuna para poder vivir sen temor nin vergoña a súa menstruación e sexualidade, e relacionarse de forma positiva co seu propio corpo. Estes tabús socavan o camiño cara a igualdade de xénero e o exercicio dos dereitos á saúde, vivenda, auga e saneamento, educación e traballo, entre outros.
Desafiando las reglasA menstruación como reivindicación feminista
O xerme deste proxecto xorde a raíz de Clara Cazorla García, quen asiste a un encontro sobre educación menstrual impartido por Amanda López Cobo, cofundadora do proxecto Educación Menstrual Lunática. Clara decide vincular nun traballo de investigación a súa disciplina (historia do arte), coa educación menstrual, dando lugar a un traballo de fin de grao titulado “A menstruación como reivindicación feminista: arte menstrual en EEUU (60-70)". Neste contexto, esta experiencia xorde tras realizar un encontro sobre arte menstrual no mes de xullo de 2020, a cargo de Clara Cazorla García, no espazo La Resistencia Almería, en colaboración con Cafés Feministas de Almería.
Os estudos e teorías que xiran entorno á menstruación son innumerables. Estes escritos, realizados principalmente por persoas non menstruantes, tiveron connotacións negativas durante séculos, o que axuda a xerar un tabú entorno a este proceso, xerando desigualdades sociais e unha forte opresión do sexo feminino. Ao longo dos séculos, a menstruación é un tema recorrente de estudo para diversas ramas de coñecemento. Polo xeral, resulta complicado descubrir relixións, sociedades e partes do mundo nas que as mulleres non se lles faga sentir sucias, culpables ou perigosas polo seu sangrado mensual. Neste contexto, tratar a menstruación como un proceso a ocultar inflúe na forma na que as mulleres nos sentimos con respecto aos nosos corpos. Ignorar e non falar en público deste tema fai da menarquía un momento de desorientación para as rapazas, que non saben como tratar a natureza do seu corpo.
Os primeiros tabús menstruais atopámolos en grandes escritos como o Corán ou a Biblia, dando comezo dos estigmas cargados de misoxinia que serán estendidos durante séculos sucesivos ata os nosos días. Ao longo da historia dos textos sobre a menstruación foron escritos por homes e sempre vendo o ciclo menstrual como algo descoñecido, alleo, curioso e repulsivo, o que se reflicte nestas obras. Dende os inicios, os textos sobre a menstruación desenvólvense a partir da opinión do xénero masculino, chegando esta influencia ata os nosos días. Este feito creou gran parte dos tabús e prexuízos perpetuados ao longo da historia e que aínda perviven nas nosas sociedades.
Gloria Steinem, autora do ensaio If men could menstruate (1978), non se equivoca cando afirma que a experiencia menstrual tería connotacións positivas se xirasen entorno ás características masculinas. Esta sociedade está creada polas persoas que nunca menstruaron, polo que téndese a non valorar a menstruación e a relacións ás mulleres únicamente coa capacidade de enxendrar. Menstruar, sen embargo, non ten que definir a posibilidade de ser nais, xa que limitar o noso corpo a unha soa función é violento e discriminatorio. A menstruación vai máis aló dun proceso físico: é un proceso mental, emocional, cultural e político.
É evidente que o problema de opresión segue presente nos nosos días, mentres que as rapazas aprenden a intercambiar compresas e tampóns dunha forma case clandestina, para que ninguén se decate de que están menstruando. Concretamente, podería ser 3 palabras as que definen a experiencia menstrual neste sistema: sucidade, culpa e vergoña. A maioría das mulleres do mundo seguen sen ser conscientes do poder do seu corpo e non coñecen as fases cíclicas que experimentan. Trátase dun problema educativo que non ensina ás persoas menstruantes a coñecerse en profundidade, e que deriva de séculos de desprezo e infravaloración do sexo feminino e todo o relacionado con elas, máis alá de intereses patriarcais.
O activismo menstrual loita principalmente por erradicar tabús menstruais, mellorar produtos de hixiene íntima que se consideran nocivos para a saúde polos seus compoñentes químicos, diminuír o custo destes produtos e reducir o impacto medio ambiental derivado destes produtos. Á súa vez, instan ás mulleres a procurar alternativas fora dos produtos de hixiene íntima fabricados polas grandes industrias. Na actualidade, a suma de mulleres e a toma de conciencia na loita menstrual vai aumentando e cada vez son mais os libros, congresos, obradoiros e debates realizados en torno a este tema, loitando por cambiar a vivencia menstrual das mulleres e demostrando que a menstruación non é só un proceso fisiolóxico. Dentro deste marco, cabe mencionar a arte menstrual como vertente da arte feminista xurdida na segunda metade do século XX: artistas que puxeron de manifesto nas súas creacións a propia experiencia como mulleres, tomando como referencia o corpo feminino, entendido e empregado como símbolo identitario de poder.
Grupo de menstruación consciente
Esta micro – experiencia foi impulsada dende Cafés Feministas Almería, un colectivo auto xestionado que nace no 2016 co propósito de crear espazos seguros, respectuosos e participativos onde compartir experiencias, crear círculos e aprender sobre feminismo. Esta asociación cultural colabora con distintos colectivos, asociacións e centros na realización de actividades relacionadas co feminismo, sendo neste marco no que se desenvolve o Grupo de Menstruación Consciente, dinamizado por Clara Cazorla García, historiadora da arte e educadora menstrual.
O grupo de menstruación consciente xorde a raíz da necesidade de visibilizar un tema tabú como a menstruación, que as persoas menstruantes chegan a descoñecer en profundidade. O grupo desenvolveuse en 6 sesións distribuídas ao longo de 3 meses, nas que se trataron distintos temas relacionados coa menstruación. Ademais compartiuse material para traballar e complementar o discutido en cada sesión, que incluímos en anexos. Participaron aproximadamente 40 mulleres de distintas idades, en formato presencial e en liña.
Os temas abordados nas sesións foron os seguintes:
- Fases do ciclo menstrual, órganos sexuais que interveñen no proceso e consecuencias no estado mental e físico
- Endometriose (afectación sufrida por mulleres, incluso sen sabelo, en silencio e con estigma)
- Menarquía e primeira menstruación
- Tabú menstrual: dende que prisma é analizado a menstruación en distintas culturas? O estigma e os problemas asociados a menstruar en sociedades patriarcais
- Produtos de hixiene menstrual: copa menstrual, compresas, tampóns, toallas, etc
- Menopausia
1. Fases ciclo menstrual 2. Dismenorrea e endometriose 3. Menarquía 4. Tabu Menstrual 5. Produtos hixiene menstrual 6. Menopausia