Campaña Stop Idadismo
Do compromiso de Ategal para visibilizar os efectos dos estereotipos ante o Idadismo e o que estes estereotipos xeran nas persoas nace “Poñendo as gafas grises”. Creando “murais de pop art” sobre microidadismos e posibles solucións respectuosas coa idade e as persoas. Esta iniciativa articúlase a través de dous obxectivos:
1. Sensibilizar a través de obradoiros sobre idadismo e o seu impacto nas xeracións.
2.Deseñar e desenvolver accións empoderadoras, no caso “mural pop art" sobre microidadismos e outras posibles solucións respectuosas coa idade e as persoas.
Seguindo a metodoloxía baseada no modelo de acción participativa (Ander Egg) e entendendo a comunidade como recurso (Marco Marchioni), ademais creouse un grupo motor (stakeholders).

O idadismo; unha discriminación invisibilizada
Un 71,4% do alumnado de Ategal afirmou non coñecer o significado de “idadismo” antes desta experiencia, e que afecta máis ás persoas maiores que á xuventude. Un 57,1% di terse sentido discriminado/a nalgún momento pola idade e un 50% comenta que isto o sentiron sobre todo nas entidades bancarias. O feito de participar nesta campaña, axudoulles a ser máis conscientes das diferentes etapas da vida e das discriminacións que se producen cara as persoas por razón de idade. Un 42,9% propoñen continuar con novas accións de carácter interxeracional coma antídoto.
Poñendo as gafas grises ante o idadismo
O idadismo recolle tanto a vulneración de dereitos por razóns de idade como a invisibilidade coa que viven as persoas maiores dentro dos procesos de toma de decisións sobre a súa propia vida e a que lles rodea.
Segundo un recente informe da OMS, o idadismo ten consecuencias graves e de gran alcance para a saúde, o benestar e os dereitos humanos das persoas, reduce a calidade de vida das persoas adultas maiores, aumenta o illamento social e a soidade.
A discriminación por motivos de idade pode ser, actualmente, máis xeneralizada que o sexismo ou o racismo. O idadismo prexudícanos individual e colectivamente, afectando á saúde e ao benestar. Para combatelo, é necesaria unha acción colectiva para concienciar sobre o problema e buscar solucións. A dotación de coñecemento que permita impulsar procesos para acadar unha sociedade máis xusta e igualitaria permitirá, á súa vez, recoñecer a loita contra o idade como un dos elementos a ter en conta nos coidados e na atención que se vai ofrecer aos cidadáns/pacientes e que vai a contribuír a mellorar a calidade de vida das persoas e e polo tanto dos servizos ás persoas. É un problema xeralizado, silencioso, invisible e normalizado. Igual que a soidade, o idadismo perxudica a saúde. Coñecer as distintas formas de discriminación axúdanos a cambiar a realidade de non integración na que aínda vivimos co fin de contribuír a unha sociedade para todas e todos.
Abordaxe do idadismo a través do pop art
Para facer operativa a intervención, as persoas participantes asistiron a unha formación específica sobre idadismo; articulouse un chat de comunicación áxil, como ferramenta tic cooperativa e ecolóxica; e dirixidos polo profesorado de Arte, iniciouse o deseño e posterior desenvolvemento do mural “pop art”.
Elaboráronse 8 imaxes que compoñen o mural e xeraron ademais novos produtos co fin de ampliar a área de influencia de Ategal e maximizar a visibilidade da entidade. Ademais, creáronse “tote bags” a partir das 8 imaxes, procurándose a súa exposición fóra de Ategal a través das sinerxias comunitarias de proximidade (artista e comercio local) que promoverán a reciclaxe de tote bags coas imaxes obtidas.
Na avaliación da experiencia destacar que Ategal co desenvolvemento desta proposta ten posta a semente “dunha sociedade para todos/as” que entenda a vellez coma etapa de desenvolvemento persoal.
Campaña "stop idadismo" web ATEGAL Dossier fotográfico