Axuda sénior en caixeiros

2023

ATEGAL

ODS11 Cidades Comunidades Sostibles, ODS10 Reducion Desigualdades

ATEGAL creou unha ferramenta dixital que, complementada con formacións presenciais, contribúe a que a poboación sénior poida manexarse de maneira autónoma en caixeiros automáticos de diferentes entidades bancarias, loitando así contra a fenda dixital entre as persoas maiores

Web | Instagram

Nin edadismo nin fenda dixital

O envellecemento da poboación mundial é un feito constatado na actualidade e calcúlase que en 2030 unha de cada seis persoas terá 60 anos ou máis, e o número de persoas maiores de 80 anos triplicarase entre 2020 e 2050.

No estado español, este fenómeno da lonxevidade obsérvase con datos que mostran que a poboación maior de 55 anos sitúase ao redor do 31,68% da poboación total, que supoñen máis de 14 millóns de persoas (INE, 2018). En Galicia, as persoas de 55 ou máis anos representan xa o 36,3% da poboación, sendo o segundo territorio español máis envellecido (IGE, 2020).

A este envellecemento poboacional hai que sumarlle a acelerada e imparable dixitalización, unha auténtica revolución que afecta a practicamente todos os ámbitos das nosas vidas. O problema é que estes dous fenómenos parecen crecer en direccións opostas en lugar de evolucionar en paralelo de maneira positiva. A dixitalización debería ser un elemento transversal e vertebrador, que facilitase a vida a todas as persoas (sen esquecerse das persoas maiores).

A fenda dixital é un fenómeno que afecta a distintos colectivos, dependendo de factores como os niveis de renda ou a educación, pero que adoita afectar especialmente ás persoas maiores.

Algúns datos sobre a fenda dixital das persoas maiores:

  • case o 50% das persoas entre 65 e 74 anos que utilizan Internet ten habilidades dixitais baixas
  • o 47% das persoas maiores que non poden acceder a internet non teñen nin ordenador nin tableta
  • o 33% non ten dispositivo móbil con acceso a Internet
  • máis do 25% das persoas maiores en España non poden facer xestións cotiás (sanitarias, administrativas, compras, bancarias etc.
Fenda Dixital INE

Conectar coñecementos para superar a fenda dixital

As ideas sobre a vellez están cheas de estereotipos edadistas dos que non somos conscientes. 

O edadismo recolle tanto a vulneración de dereitos por razóns de idade, como a invisibilidade coa que viven dentro dos procesos de toma de decisións sobre a súa propia vida e a que lles rodea.

Esta diferenciación pode adoptar moitas formas: prexuízos e políticas que a perpetúan, dificultade de xerar vínculos interxeracionais, dano á saúde e á dignidade individual, entre outras.

A ferramenta máis poderosa de Ategal son as persoas, "mesturadas", "xuntas" e nas que só hai un valor: as ganas de coñecer, compartir e aprender. Non debemos esquecer que a xente nova tamén sofre do edadismo. En definitiva, o edadismo non só é inxusto socialmente, senón tamén profundamente incoherente se temos en conta a situación demográfica galega, española e europea.

Ademais do edadismo, a fenda dixital impide ás persoas maiores acceder aos seus dereitos de acceso a recursos e servizos tanto públicos coma privados. E posto que as vidas están a ser máis variadas e dinámicas, os servizos e recursos para as persoas maiores deben adaptarse aos cambios sociais e culturais inherentes a este fenómeno e seguir apostando decididamente pola prevención para a promoción da autonomía persoal e a independencia das persoas maiores.

Edadismo

A aprendizaxe, a mellor ferramenta contra a fenda dixital

ATEGAL conseguiu crear unha app que mostra como facer uso dun caixeiro automático, con contidos para as principais entidades bancarias que operan en Galicia. Esta ferramenta conseguiu formar a 1.253 persoas. E agora é un recurso máis ao alcance das administracións e organismos de Galicia.

O alumnado de ATEGAL participou na gravación dos vídeos sobre caixeiros automáticos. O seu papel neste proceso permitiu coñecer cales eran algunhas das dificultades menos superficiais, como a falta de acompañamento, as operacións máis habituais ou a variedade de interfaces que existen nos caixeiros automáticos dunha mesma empresa.

Diferentes alumnas protagonizaron os vídeos nos seus caixeiros automáticos de confianza, onde adoitan ir a diario. Mentres se xeraba o material final, plasmaron os obstáculos habituais e formáronse ao mesmo tempo. O resultado foi un vídeo que responde ás principais dúbidas, personalizado para cada banco.

O seguinte reto foi facilitar o acceso a unha ferramenta dixital útil, para quen xa tiña problemas coa fenda dixital. Para iso, foi clave deseñar unha formación completa e replicable en calquera contexto.