Xoga no patio!

2023

ANPA FARO - CEIP Víctor López Seoane

ODS05 Igualdade Xenero, ODS10 Reducion Desigualdades

Os patios dos centros educativos nunca tiveron un grande desenvolvemento a nivel de tempos e espazos. Pola contra, é un lugar de grande importancia, pois trátase do espazo onde se producen as primeiras relacións sociais con iguais e fóra do ámbito familiar.

A pesares de que nos últimos anos os patios comezaron a verse coma espazos de aprendizaxe, aínda non son lugares onde a cooperación, a creatividade, a convivencia e a igualdade sexan os valores fundamentais. Por iso, dende a ANPA FARO, do CEIP Víctor López Seoane, decidimos cambiar o patio do noso colexio coa axuda do alumnado, profesorado, pais e nais, creando espazos de xogos coeducativos.

ANPA Faro

Os patios escolares, un reflexo da sociedade

Na ANPA, detectamos que a ocupación da maior parte do patio dáse pola práctica de deportes de pelota, na súa maioría fútbol. Isto xera unha desigualdade no patio, xa que os demais xogos quedan relegados aos espazos restantes.

Segundo indica o “informe Breus #31” da Fundación Jaume Bofill, os rapaces e rapazas pasan unhas 525 horas ao ano xogando no patio. Polo tanto, trátase dun lugar fundamental para o seu desenvolvemento.

A desigualdade de xénero nos patios escolares vese claramente nos nenos que ocupan practicamente todo o espazo co seus xogos (fútbol) mentres as nenas quedan desprazadas. O fútbol coloniza os patios en case todos os centros educativos. Aínda que cada vez máis nenas xogan ao fútbol, a maioría, xunto cos nenos aos que non lles gusta o fútbol, quedan relegadas a usar o espazo sobrante. 

O patios teñen unha gran carga de xénero, non só na disposición dos espazos, senón tamén nas actividades a realizar nel.

Informe Breus #31

Redistribuímos os espazos dos patios

Para evitar a discriminación que provocan a distribución dos espazos do patio así coma as actividades que se levan a cabo (fútbol na meirande parte), é fundamental crear patios coeducativos.

Estes son espazos onde as actividades, roles e dinámicas non reproducen os estereotipos de xénero. É importante crear patios coeducativos para frear as actitudes machistas e para dar un uso compartido de espazos, recursos e xogos entre nenas e nenos.

Con isto non se pretende penalizar ou eliminar o espazo de fútbol, senón que busca crear espazos novos onde o alumnado poda desfrutar do recreo mediante xogos coeducativos e cos que se sintan indentificados/as.

Dende o Anpa, xunto co equipo directivo, tras a análise do uso dos espazos do patio, realizamos unha chuvia de ideas para coñecer que tipo de espazos queren no seu patio. Finalmente, comézase un traballo colectivo para crear un patio educativo. Deste modo, decidimos dar novas alternativas para as nenas e nenos e que todos teñan a posibilidade de practicar xogos para o seu entretemento, sen prexuízo de que se poida seguir practicando fútbol, en espazos delimitados e incluso en horarios e días alternos.

Proxecto e descrición dos xogos

Abrimos o patio para abrir a mente

Entre pais, nais e alumnado traballamos no patio do colexio. Pintamos un total de 9 xogos, ademais de arranxar a cancha de baloncesto e de delimitar o espazo de fútbol. Todos estes xogos tratan de diversificar a oferta lúdica no patio e dinamizar os recreos porque non se trata de eliminar os xogos de pelota, senón de delimitarlles unha zona, e habilitar outras para outros xogos. Entre os novos espazos atopamos:

  • A táboa de operacións
  • O xogo do espello
  • O brincadeiro
  • O Brilé
  • O circuito de velocidade
  • A serpe de letras
  • A raiola
  • O tres en raia
  • Os círculos de precisión

Estes xogos melloran, entre outros, a memoria, a psicomotricidade, a axilidade, a precisión, a forza…

Brincadeiro Círculos de precisión Raiola Serpe de letras Táboa de operacións Xogo do espello