Bergondo en feminino
Bergondo en feminino é un proxecto para a sensibilización en materia de igualdade de xénero, que inicia a súa andadura no ano 2019. A través dun proceso de investigación participativa, asociacións locais e veciños e veciñas referentes da comunidade rescataron os nomes de mulleres importantes para a historia deste territorio. Persoas que destacaron polo seu compromiso co ben común, a sororidade e a valentía para rachar cos estereotipos de xénero.
As mulleres invisibilizadas da nosa contorna
Iniciamos Bergondo en feminino cun proceso de investigación - acción para a visibilización de mulleres esquecidas, elaborando colectivamente un relato novo da historia desta zona. Mulleres pioneiras de ámbitos diversos, que se rebelaron contra os estereotipos do seu tempo, e destacaron en contextos articulados para a súa invisibilización.
O marco no que nos apoiamos baséase na “herstory”, un movemento global que desde os anos 70 busca recuperar e divulgar a historia das mulleres. Durante séculos as mulleres foron silenciadas, negándoselle o seu espazo nos libros, nos museos, nas institucións, nos medios. Este silenciamento, esta historia única da que as mulleres non forman parte, está en boa medida detrás dos abusos de poder e da violencia exercida contra elas, tanto de xeito simbólico coma físico.
Grazas a este movemento, saen á luz cada vez máis mulleres, novos referentes que desmontan mitos do pasado e nos permiten artellar futuros máis xustos para todas as persoas. Ao mesmo tempo, parte dos traballos de elaboración da memoria colectiva e recuperación das voces subalternizadas. Traballar dun xeito colaborativo e horizontal con xente de contornas diversas, con idades diversas, é un labor social de máxima transcendencia, nun contexto no que os espazos de transmisión da memoria son moito máis escasos ca noutros momentos da historia.
Partindo destes marcos xerais, temos en conta a realidade de Bergondo, un concello con particularidades que o diferencian doutras zonas galegas. A súa historia como lugar de recreo e residencia de familias burguesas no século XIX, así como a súa xeografía dispersa e carácter “rururbán”, fan que o traballo de historia oral sexa diferente doutros contextos onde a comunidade leva máis tempo arraigada no lugar e dun xeito máis sólido.
Boletín InformativoInvestigamos e recuperamos mulleres referentes en Bergondo
A primeira peza previa a atopar o nome dunha muller é sempre un obradoiro participativo. Nel, sentase o marco conceptual para adentrármonos nos conceptos de igualdade e violencia de xénero, e emprenderemos un proceso colectivo de investigación no que rescatar a historia de mulleres emblemáticas para Bergondo, así coma dos obxectivos, historias, lugares ou persoas que nos permitan achegármonos a elas.
Seguimos a metodoloxía da investigación – acción participativa (AIP) un método cualitativo de estudo e acción que se basea na participación dos propios colectivos a investigar. Neste método, as persoas participantes son suxeitos protagonistas, repercutindo no obxectivo de empoderamento comunitario. Partiuse dun mapeo previo, que bebe da información que xa ten o Concello identificada, para ir completando esa lista buscando a diversidade de sectores representados, así como a relevancia das figuras escollidas para as participantes.
Nas primeiras sesións reflexionase sobre as desigualdades de xénero existentes na sociedade para mover conciencia entre as persoas participantes. Traballase o papel das mulleres, analizando a súa evolución ao longo da historia, as desigualdades de xénero, e os cambios sociais que se foron producindo, como avance na igualdade e do movemento feminista. Así mesmo, de forma xeral, reflexionase sobre onde se colocan as mulleres e os homes na sociedade actual, e sobre o espazo que ocupan na realidade socio-cultural.
Posteriormente, incídese na memoria histórica das mulleres do Concello, e faise unha elección das mulleres sobre as que traballar. As persoas participantes fan de “axentes sociais” para recoñecer e recuperar o papel e protagonismo dalgunhas mulleres destacadas de Bergondo que abriron camiños, e por tanto, son relevantes para a nosa historia, xa marcaron diferenza na súa época pola súa labor.
Para iso, traballase ao redor de tres elementos clave para presentar a biografía das mulleres escollidas: evocación, memoria, e recoñecemento. Para a evocación, traballase co grupo para recompilar fotografías das mulleres protagonistas, na realización de entrevistas a familiares e amizades para recoller testemuños. Por outro lado, buscase información que lembre a memoria, o contexto e as condicións vitais do momento que cada muller viviu. Como recoñecemento, escollese como representar as súas achegas, méritos e dificultades relacionadas coas desigualdades de xénero; abordando a invisibilización sofrida.
Para ver vídeos sobre as sesións de traballo, podes premer aquí, aquí e aquí.
O programa “Bergondo en feminino” vense desenvolvendo desde a Concellería de Servizos Sociais de Bergondo desde 2019, constituíndo unha liña de traballo de sensibilización fronte a violencia de xénero e visibilización das mulleres e os seus saberes. O éxito das anteriores edicións, tanto no proceso coma nos resultados e os produtos deseñados, leva a seguir afondando nesta liña estratéxica, trazando camiños de traballo a medio e longo prazo para a construción dun municipio libre de violencias machistas, equitativo e inclusivo.
Bergondo en feminino
As actuacións que se detallan a continuación constitúen unha ferramenta de expresión colectiva para recuperar a memoria histórica, coñecer e reivindicar a significación de diferentes mulleres que co seu traballo, contribuíron e contribúen a construír Bergondo.
Roteiro: un paseo en bus con paradas guiadas polos lugares e edificios públicos de referencia que forman ou formaron parte da "historia" vital das mulleres bergondesas, facendo visible a súa contribución a sociedade.
Pasquín: pequena publicación que recolle a principal información xerada, cunha descrición de cada parada da ruta, unha breve traxectoria das mulleres escollidas para ela, así como algúns dos recursos atopados no proceso de investigación (fotografías, documentos, etc).
Sinaléctica: Renomeáronse equipamentos e espazos municipais cos nomes das mulleres; esta proposta foi aprobada por unanimidade en pleno municipal, símbolo da sensibilidade política cara ao recoñecemento da figura das mulleres en diferentes ámbitos da vida.
Videoguías Bergondo en feminino: pezas audiovisuais de curta duración, centradas cada unha dela na vida e valores das mulleres investigadas.
Mapa virtual interactivo: dispoñible para descarga na web, así como a xeolocalización dos espazos asociados a cada unha das mulleres seleccionadas.
Libro “Seis cafés, etnografía dos coidados para tempos de pandemia”: visibilizar a relación histórica das mulleres co mundo dos coidados, denunciando a inxusta carga que puido supoñer nalgúns momentos da súa existencia e aprendendo de todos os saberes invisibles que atesouran.
Coidatopías: estas reflexións sobre os coidados se abren a outras xeracións, fomentando o diálogo social e convidando á acción. A través dunha viaxe imaxinaria ao 2035, e apoiándonos no concepto de utopía, exploramos o universo dos coidados.
Pola traxectoria e o volume dos elementos xa xerados, esta fase de acción é un punto de inflexión deste camiño; un momento onde centrar esforzos na xeración e difusión dun relato que fíe os produtos xa xerados e facilite o seu impacto social, ademais de promover novas accións apoiadas na comunidade que permitan espallar a reflexión en materia de xénero.
Neste sentido os obxectivos que nos propoñemos dende Bergondo en feminino cara o futuro son:
Sensibilizar a cidadanía en cuestións relativas á igualdade de xénero e a prevención das violencias, promovendo a reflexión activa sobre a invisibilidade das mulleres e achegando referentes positivos e liberadores.
Articular un relato que fíe os elementos xa xerados nesta liña de traballo, facilitando a súa comprensión integral e preparando o camiño para outros que poidan desenvolverse no futuro.
Multiplicar o alcance dos produtos e a mensaxe de Bergondo en feminino, apoiando a visualización dos elementos existentes e promovendo novas accións con impacto.
Multiplicar os públicos potenciais, xerando alianzas con novos colectivos como terceiro sector ou o mundo educativo.
Xerar un espazo de calidade entre a veciñanza, fortalecendo os lazos comunitarios e a saúde física, emocional e intelectual das participantes.
Reflexionar sobre a violencia contra as mulleres en todas as súas dimensións, analizando as súas causas e consecuencias, previndo actitudes machistas e traballando pola transformación social.
Poñer en valor Bergondo e o seu patrimonio, divulgando a historia deste territorio e promovendo o empoderamento comunitario.
Posicionar Bergondo como un concello punteiro na sensibilización en materia de xénero a través de recursos innovadores que integran o traballo comunitario, a memoria histórica e as tecnoloxías.
Consolidar esta liña de traballo entre a igualdade de xénero e a participación social, coa historia como pretexto para abordar as desigualdades de xénero e transformar a sociedade.
Pasquín Sinaléctica Coidatopías