Obradoiros formativos sobre a metodoloxía do Globo
No mes de novembro organizamos unhas sesións formativas con distintas asociacións, nas que puxemos en común as súas micro-experiencias e a metodoloxía de Luces, Cámara e Acción.
4 decembro 2020 | Os colectivos Sustinea, Son árbore, Amnistía Internacional, ILEX, As do oito, Algaravía, Lirios do Xurés, O intercambiador, Adega, The respect game, Boa noite, Simbiose e O Sur participan destas sesións de formación e posta en común das súas micro-experiencias de transformación social.
Durante o mes de novembro estivemos compartindo diversas micro-experiencias desenvoltas por asociacións, colectivos e entidades do territorio, co obxectivo de albergalas no Globo. Para conseguilo, propuxémoslles analizar as súas experiencias e proxectos tendo en conta a metodoloxía do Globo, que se foi contruíndo colaborativamente e que continúa nudríndose de novas achegas.
A primeira sesión dedicámola ás Luces das micro-experiencias, presentando ás entidades en que consiste esta fase: que datos existen sobre a problemática que imos abordar? Empregamos información contrastada e veraz para achegarnos á realidade coa que imos traballar?. Para introducir a formación, empregamos o documento de avaliación das micro-experiencias, para coñecer algúns puntos fortes e febles das micro-experiencias en aspectos importantes: son replicables?, horizontais?, colectivas?, e transformadoras?
Na segunda sesión centrámonos na Cámara das microexperiencias: levamos a cabo un proceso consciente de reflexión sobre os datos que coñecemos? Analizamos críticamente a información da que dispoñemos sobre a problemática? Esta sesión permitiunos afondar nas micro-experiencias, e tamén en proxectar futuros desexados, que axudaron a pensar e re-pensar as accións.
A último sesión centrouse na Acción, como paso imprescindible nunha micro-experiencia. Nesta sesión realizamos en plenario un xogo para a xeración de ideas, a súa análise e priorización, que esperamos que sexa de proveito para as entidades que participaron e que poidan aplicala noutros proxectos que desenvolvan. As tres sesións finalizaron cun pequeno exercicio de comunicación de cada fase, como parte importante que pon en valor a micro-experiencia de transformación social.
Esperamos que esta formación fora enriquecedora para as persoas participantes, que servise para re-pensar e fortalecer as micro-experiencias que se están a desenvolver.