6 novembro 2020 | O Prisma reuniuse novamente nunha xuntanza en liña o día 5 de novembro de 2020, na que participaron 13 persoas.

 

A pesar da situación sanitaria que nos tocou vivir neste 2020, O Globo foi quen de adaptarse e non quedar parado. A Covid-19 esixiu adaptar as actividades que xa estaban programadas, para transformalas e adaptalas á nova situación, e esas novidades foron as que trasladamos ao Prisma.

Neste 2020 O Globo desenvolveu experiencias de intercambio entre rapazada de distintos países a través dos Faladoiros, nos que a mocidade puido compartir a súa vivencia dende os seus contextos sociais. Ademais, unha das liñas trazadas para O Globo era a elaboración de novos materiais para apoiar ás iniciativas de transformación social. Neste sentido, presentamos o Guieiro de comunicación das micro-experiencias de transformación social; e un documento para a avaliación das mesmas, que son ferramentas que nos permitirán enriquecer e repensar as iniciativas que forman parte do Globo.

Ademais, un dos obxectivos do Globo é o de agrandar a rede de persoas e micro-experiencias que recolle. O Globo está dirixido especialmente á xuventude, polo que é o momento de abrirnos a grupos e asociacións nos que participa activamente xente nova e de moi diferentes eidos: feminismo, ecoloxismo, cultura, dereitos humanos, lecer, entre outros. Para achegarnos a elas, organizamos unhas sesións formativas sobre a metodoloxía do Globo. Ademais da mocidade galega, tamén se está a traballar con maiores de 65 anos, a través da Universidade Sénior da UDC e doutras organizacións.

A segunda parte da xuntanza consistiu na organización do II Encontro do Globo, que terá un formato en liña e será o 19 de decembro de 2020, e que estamos preparando con moita ilusión. Anota a data e non te esquezas de participar!