Tamén celebramos o Mini-Encontro de O Globo!
Este ano, o Encontro de O Globo tivo a súa versión mini en Pontevedra. Foi unha xornada ben divertida na cal o alumnado do CRA María Zambrano puido expoñer e poñer en valor a súa microexperiencia de transformación social, gozar dunha chocolatada de comercio xusto e aprender a través de xogos e contos.
2 xullo 2024 | O pasado luns 17 de xuño realizouse un Mini-Encontro en Pontevedra para un grupo de alumnos e alumnas do CRA María Zambrano de O Rosal. Este grupo, debido á distancia entre o seu centro e o lugar do VI Encontro, non puidera asistir ao evento principal.
Este encontro comezou coa recepción e o acompañamento do alumnado, de entre 3 e 5 anos ata a Galería Tángram de Pontevedra. Alí, as compañeiras de Solidariedade Internacional de Galicia agardaban por eles e elas cunha calorosa benvida, ofrecéndolles un delicioso chocolatiño quente e unhas galletas de comercio xusto para recuperar forzas despois da viaxe en autobús.
Durante o encontro, o alumnado, coa colaboración e acompañamento das súas mestras, explicou a súa Microexperiencia de Transformación social "Sawubona. Véxote, respéctote, es importante para min", que aborda importantes temáticas sociais como a desigualdade de xénero, o ecoloxismo e a diversidade, tanto cultural como entre especies animais e vexetais.
Tras a exposición e posta en valor da súa microexperiencia, puideron desfrutar do xogo "Non pases palabra" e do contacontos "Contos do mundo: as viaxes de Irene en Centroamérica".