Conclúe a formación dirixida ao profesorado
A terceira edición da formación "A educación para a cidadanía global como ferramenta socioeducativa" concluía esta semana, co profesorado en pleno desenvolvemento de microexperiencias de transformación social nas súas aulas. Esta sesión centrouse nos procesos de avaliación e comunicación das microexperiencias.
8 marzo 2024 | O profesorado participante na formación compartiu un espazo no que se puxeron en común os avances realizados nas aulas dende os contidos abordados na primeira sesión. Nesta edición, arredor dun terzo do profesorado iniciou co seu alumnado algunha microexperiencia de transformación social, atopándose en distintos puntos do proceso: dende a elección da problemática a abordar ata bosquexar as fases de Luces, Cámara e Acción.
Despois desta posta en común, na que se compartiron dúbidas e solucións, continuamos coa formación a través dos procesos de avaliación e comunicación das microexperiencias de transformación social. Avaliar e comunicar ao longo do desenvolvemento da microexperiencia axudan a dar forma á propia iniciativa, xa que contrastan as decisións que tomamos, tendo en conta criterios imprescindibles para as microexperiencias de transformación social: é replicable? ten carácter colectivo? é horizontal? é verdadeiramente transformadora? Comunicar o que estamos facendo, á súa vez, permítenos ordenar os conceptos para transmitir mellor o proceso á contorna.
Nos vindeiros meses comeza o acompañamento personalizado co profesorado, onde o equipo do Globo titorizará e orientará ao profesorado nas dúbidas xurdidas pola posta en práctica das microexperiencias de transformación social.
Grazas ao profesorado participante! Esperamos que a formación resultase motivadora e útil nas vosas aulas