20 xaneiro 2024 | O sábado 20 de xaneiro desenvolveuse a primeira sesión desta formación teórico práctica, na que o profesorado traballou arredor da participación social do alumnado como proceso de aprendizaxe. Tras unha contextualización da pertinencia desta formación, enmarcada na LOMLOE e na Axenda 2030, as persoas participantes puxeron en común os seus coñecementos arredor da participación social.

Ao longo da sesión, analizáronse as posibilidades de desenvolver un proceso participativo co alumnado das súas aulas, contemplando obstáculos externos, axudas que facilitasen a activación da participación, así como puntos fortes e febles, construíndo un DAFO común.

Despois de cargar forzas nun almorzo de convivencia, onde puidemos coñecernos de forma máis informal, retomamos a sesión centrándonos no Globo como ferramenta de participación. Abordamos a súa metodoloxía luces - cámara - acción, como fases da experiencia participativa onde se abordan metodoloxías e contidos do currículo escolar.

Visibilizamos microexperiencias de transformación social desenvoltas ao abeiro de edicións anteriores desta formación, que axudan a visualizar, de forma concreta, os resultados deste proceso formativo. E por último, avanzamos algunhas ideas que poderían desenvolverse nas aulas do profesorado participante.

A sesión valorouse moi positivamente, polo que emprazámonos para a segunda sesión, en marzo. Grazas por participar!