Celebramos o IV Encontro de O Globo!
O Globo celebra o seu encontro anual: un espazo común entre entidades sociais, alumnado e colectivos diversos pola transformación social
17 xuño 2022 | O Globo celebrou este venres, 17 de xuño, o seu IV Encontro, que puxo en común experiencias de participación e de transformación social desenvoltas ao longo do ano. No Encontro, celebrado en Santiago de Compostela, participaron arredor de 100 persoas.
A xornada comezaba coa benvida a cargo da ONG Solidariedade Internacional de Galicia, quen promove esta iniciativa, e por Carmen Conde, mestra de cerimonias deste encontro. Recoñecíase neste primeiro momento a gran variedade de colectivos implicados, entre os que se atoparon: Acampa pola paz e o dereito ao refuxio, IES de Arzúa, Voluntariado do Concello de Bergondo, Asociación Anasbabi Ciliopatías, Mulleres Salgadas, IES Fonmiñá, CPI do Toural, Espazo Brétema, IES Fernando Wirtz, Asociación Xaruma, Asociación Provivenda, Colexio San Xosé da Guía, Aloumiños no bosque, Vaidelas, Cafés feministas de Almería, COGAMI e Asociación Entropía. A maiores, outros colectivos aportaron as súas experiencias á páxina web, construíndo este observatorio da participación e da cidadanía global, en constante actualización coas inquedanzas e accións da mocidade galega e da sociedade.
O espazo, de carácter lúdico e tamén formativo, comezou rompendo o xeo cunha dinámica plenaria de reflexión sobre conceptos relacionados coa participación e o activismo. Así mesmo, as persoas participantes desfrutaron de diversos obradoiros creativos, experimentando novas ferramentas para replicar nos seus colectivos.
O momento central do encontro tivo lugar na Feira de micro – experiencias de transformación social, onde o alumnado e os colectivos amosaron aquelas iniciativas desenvoltas ao longo do ano, poñéndoas en valor, conversando e xerando rede. O encontro remataba coas integrantes de Hip Hop en Feminino, conectando en liña con experiencias desenvoltas no Sur Global. Coñecimos a historia de Xusta, e cantamos unha regueifa elaborada no obradoiro.
Queremos agradecer a todas as persoas participantes por ter construído, entre todas e todos, unha xornada tan especial.