7 marzo 2022 | Esta quinta reunión do Prisma celebrouse en formato en liña, o día 3 de marzo de 2022, entre as 18:00 e ás 20:00h, e participaron un total de 14 persoas, A sesión dividiuse en dous momentos clave: o repaso e avaliación das accións desenvoltas no 2021; e a presentación de avances e recopilación de propostas para o 2022.

En canto ao 2021, abordamos aqueles bloques nos que estivemos a traballar con maior intensidade, comezando polo Estudo sobre a participación da mocidade en Galicia, que fortaleceu o carácter do Globo como Observatorio da participación. Asi mesmo, destacamos a formación ofrecida ao profesorado, que se desenvolveu durante o 2021 e comezos do 2022, e que encadramos no Globo como Escola de participación. Por último, repasamos o acontecido no III Encontro do Globo, como Espazo de participación e celebración dos traballos realizados. A valoración global das actividades foi moi positiva, destacando a calidade das accións, aínda que botouse en falta unha maior presencialidade da rapazada nas actividades, e tamén un maior peso das micro - experiencias de transformación social nos espazos presenciais. Asi mesmo, xurdiu un debate moi interesante entorno á política (en termos xerais, non só institucionais) e a vinculación da mocidade coa mesma.

Despois, abordamos o camiño feito neste 2022, compartindo algúns avances e, sobre todo, escoitanto as propostas e achegas das participantes á xuntanza, centradas sobre todo nas micro - experiencias que queremos convidar a formar parte do Globo, e en como concibimos o IV Encontro. Podemos adiantar que será un espazo presencial, que mesturará espazos lúdicos e obradoiros, cun carácter interxeracional e onde a rapazada poida compartir coas entidades. Así que, ide reservando na axenda, que en xuño temos IV Encontro do Globo!