Muro das mentiras, muro da inclusión

2024

CIFP Portovello

ODS04 Educacion, ODS05 Igualdade Xenero, ODS10 Reducion Desigualdades, ODS01 Fin Pobreza

O alumnado de 1º de Integración Social do CIFP Portovello (Ourense) implementou esta microexperiencia de transformación social co fin de sensibilizar e concienciar sobre a situación de persoas en situación de vulnerabilidade. Esta microexperiencia deu como resultado a creación do Muro da Inclusión, unha iniciativa que amosa os prexuízos sociais existentes cara a determinados grupos de persoas e desafía as crenzas establecidas.

A desinformación como fonte de exclusión social

As persoas vulnerabilizadas ou en risco de exclusión social afrontan numerosas dificultades, principalmente debido á desinformación, que impera en boa medida por mor dos medios de comunicación, que en ocasións terxiversan a información optando polo sensacionalismo, e contribuíndo así á perpetuación de estereotipos e prexuízos, en lugar de fomentar un razoamento que aborde as orixes dun sistema que provoca exclusión e marxinación social.

A pobreza é algo estrutural

A batalla cultural é dura, os e as profesionais sociais loitan contra séculos de discriminación, que quedou plasmada na cinematografía ao longo do tempo... Películas, series, reportaxes e análises foron vehículos desta narrativa, sementando camiños no imaxinario colectivo, perpetuando unicamente a idea da pobreza como unha situación meramente material, cando en realidade vai moito máis alá, a pobreza é estrutural.

Que significa que é estrutural? É algo tan arraigado na nosa sociedade que moitas veces compárase erroneamente coa aparición dun tumor que xorde sen poder evitalo, ou coa repentina erupción dun volcán. A pobreza, é percibida como unha secuela, un defecto que marca a nosa sociedade pero que pode ser extirpada, como un resto dunha enfermidade.

Ao abordala como un feito particular ou illado, algo que sucede de cando en vez e só se aplica a certos colectivos, non levan a cabo medidas encamiñadas a cambiar este sistema. Esta perspectiva non comprende as causas profundas a extensión arraigada destas problemáticas nos nosos costumes e pensamentos.

É crucial cambiar a lóxica coa que se deseñan as estratexias para transformar as estruturas de poder que as sosteñen, non só lamentándonos, castigándonos ou protexéndonos delas, senón educando, reparando e loitando desde as orixes do sistema. Mergullándonos no desmantelamento de estruturas arquetípicas ao entendelas como un fenómeno multifactorial, político, económico e cultural, desprazando o enfoque e transformando a nosa mirada

O muro da inclusión

Para lograr este cambio de lóxica e desmantelar as estruturas de poder que manteñen e perpetúan a vulneración e a exclusión de diversos grupos poboacionais, o alumnado de Integración Social do CIFP Portovello elaborou unha dinámica, “O Muro das Mentiras” que acabou converténdose no "Muro da Inclusión". Os/as alumnos/as aventuráronse a explorar aula por aula, pedindo aos seus compañeiros e compañeiras doutros ciclos que plasmasen en post-its os seus prexuízos e estereotipos sobre si mesmos. Unha vez recollidas as notas adhesivas, abriuse un fascinante diálogo onde se compartiron en voz alta, revelando así as percepcións arraigadas que a miúdo se plasman na nosa convivencia diaria. Pero aquí é onde a trama se espesa: o equipo de Integración desmantelou estes prexuízos con datos, experiencias e perspectiva educativa, desafiando as crenzas establecidas.

Ao final, todos estes post-it, cargados de percepcións transformadas e relatos inesperados, foron recompilados para crear dous muros: un cos prexuízos e outro desmentíndoos, transformando así as ideas preconcibidas negativas en realidades enriquecedoras e, quen sabe? quizais mesmo inspiradoras.

Dossier fotográfico