Peche Estudantil na Facultade de CC. da Educación da USC.

2024

Asemblea Estudantil de Educación Social e Pedagoxía da USC do ano 2016

ODS04 Educacion, ODS05 Igualdade Xenero, ODS10 Reducion Desigualdades

En abril do 2016, alumnado do grao de Educación Social, Pedagoxía e Maxisterio da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela iniciamos un peche co obxectivo de mellorar as condicións da ensinanza superior na capital galega. Encerros, concentracións, debates, asembleas abertas e charlas foron algunhas das actuacións realizadas por este colectivo estudantil, que aguantou catro semanas de encerro na facultade en loita por unhas condicións educativas dignas para todo o alumnado da ensinanza pública.

Crise económica e social na Facultade de CC. da Educación da USC

Os colectivos estudantís e de profesionais de diferentes ámbitos do sistema universitario sempre existiron (de investigadores e investigadoras, de profesorado, de persoal de administración e servizos, etc.), así como sempre estiveron activos en maior ou menor medida, reivindicando a consecución dunhas condicións dignas para unha educación superior pública e de calidade para todos e todas. 

Naquel intre, no ano 2016, os datos revelaban unha situación problemática nalgunhas facultades da Universidade de Santiago de Compostela, desvelando, entre outras casuísticas, que existían 257 profesores e profesoras menos que nos últimos anos. Estes datos non quedaban unicamente nos documentos oficiais, senón que afectaban directamente ao funcionamento do día a día das aulas, levando a situacións insostibles a profesorado e alumnado, que decidiron actuar.

Canto sabemos da situación de precariedade que sofre a ensinanza pública superior e como podemos enfrontar o aumento das desigualdades que xera?

O alumnado das facultades que iniciaron as protestas sufría solapamentos horarios, vía a súas horas de titoría reducidas, algunhas das súas materias estaban a ser impartidas cada semana por profesorado diferente (o que facía imposible seguir un ritmo normal dos contidos da materia) e, para sumar máis descontento a esta situación de crise de recursos, no 2016 iniciouse na universidade galega unha crise social e de valores. Estes escándalos foron protagonizados por dous profesores que, abertamente, nas súas aulas expuxeron argumentos machistas e homófobos, creando situacións incómodas para alumnado e deixando en evidencia a unha entidade pública que debería caracterizarse pola apertura, o progreso, a diversidade, a defensa dos dereitos humanos e, por suposto, a defensa do discurso científico.

Mobilizámonos por una ensinanza pública superior digna.

Encerros, concentracións, debates, asembleas abertas, charlas e actividades educativas foron algunhas das actuacións realizadas por este colectivo estudantil, co obxectivo de reivindicar aquelo que se lles estaba arrebatando nas aulas. Todo este movemento culminou tras catro semanas de encerros na facultades coas seguintes conquistas:

  • Unha reunión co Vicereitor de Organización Académica a través da cal:

- Axilizouse a contratación e reposición da falta de 24 docentes na facultade, o cal era o problema máis notable.

- Naquel momento só quedaban dúas substitucións en trámite.

  • Varias reunións coa Comisión de Avaliación dos Graos da Facultade:

- Nas que se declararon todas as problemáticas recollidas de todos os cursos dos diferentes graos e mestrados.

- A maioría destas problemáticas que recolleron dende o argumentario da asemblea do peche foron utilizadas na avaliación dos graos, á que foi sometida a facultade.

- Na Xunta de Facultade extraordinaria do 30/3/2016, foi aprobada a memoria da avaliación, na cal aparecían parte das problemáticas expostas polo alumnado.

  • Convocatoria de folga de estudantes o 13 de abril:

- Durante o proceso da creación dos tres peches (Filosofía, Maxisterio, E. Social e Pedagoxía) naceu a idea da creación de asembleas en todas as facultades da USC e mobilizar ao estudantado para coordinar a convocatoria dunha folga que culminou na convocatoria do 13 de abril de maneira unitaria. 

- Seguiron traballando como asemblea para esta mobilización.

  • Confirmaron unha última reunión con decanato:

- Nesta reunión entregóuselles unha lista de mínimos que querían que se cumpriran no curso actual. 

- Entregóuselles outra lista de obxectivos mínimos para o curso seguinte, nos que querían que existira un compromiso asinado por decanato de que non se volverán a reproducir as mesmas problemáticas que levaban recollidas. 

 

 

Dossier fotográfico