Do odio ao ocio compartido con colectivos vulnerables

2024

Alumnado do Grao en Educación Social da UDC, Acampa pola Paz e o dereito ao refuxio

ODS10 Reducion Desigualdades

Experiencia de APS na que alumnado de Educación Social mapeou discursos de odio, explorou como afectan ao noso benestar mediante cartografías corporais con colectivos vulnerados, con quen tamén compartiron experiencias de lecer.

Os discursos de odio limitan a convivencia. O lecer compartido pode ser un revulsivo

O discurso do odio inclúe calquera forma de expresión (tamén imaxes, memes, xestos) que difunda, promova, xustifique o desprezo baseado na intolerancia. Diríxese contra colectivos por ser doutra raza, etnia, sexo, tendencia sexual, relixión ou estrato social precario, estigmatizándoos con relatos que carecen de argumentación e son dificilmente comprobables (Cortina, 2017).  

A ONU no 2020 alarmou sobre a extensión da pandemia do odio en todo o mundo. Proliferación moitas veces asociada a un medo irracional ante a suposta ameaza a perder o que consideramos noso (Haas, 2019).  

O alumnado identificou nun mes máis de 90 discursos. Narrativas que fortalecen a desigualdade, alimentan o conflito e dificultan a convivencia. Na idea de conectar coa construción de alternativas, xorde o lecer como posibilidade. En sociedades fragmentadas, convértese na vía para establecer relacións veciñais e comunitarias que noutros tempos se xeraban na proximidade da vida (Morata et al, 2019). Facilita relacións entre persoas de diferentes culturas, xeracións ou nivel socioeconómico, e xoga un papel fundamental na redución do illamento social, promovendo apoio mutuo e cohesión.

Foto 1. Traballo de aula Foto 1. Discursos de odio

Como impactan os discursos de odio nos nosos corpos? E no de persoas vulneradas?

Partindo do saber ancestral da Cosmovisión Maia (Kaqla, 2010) segundo o cal somos seres integrais conformados por catro dimensións interrelacionadas entre si, o alumnado mapeou o impacto dos discursos nos seus corpos, como exercicio de autodiagnóstico, para logo desenvolver cartografías grupais con colectivos vulnerados. Coas 72 cartografías individuais e 14 grupais resultantes, elaborouse un relato compartido no que se rexistraron:

as emocións que provocan: asco, apatía, desesperanza, frustración, culpa, rabia, ira, tristeza, enfado, medo;

as crenzas que interiorizamos e reproducimos sen reflexión, os pensamentos intrusivos que afectan á propia identidade, as dúbidas que xeran;

as relacións que establecemos co “Outro” desde o medo e a desconfianza, o illamento, a soidade e unha falsa sensación de inclusión;

e os síntomas físicos que desencadean: angustia, ansiedade, dor, esgotamento, paralización.

O alumnado identificouse moitas veces como diana dos discursos de odio, e outras como habitantes de corpos privilexiados, comprendendo que os impactos dependen da distancia da nosa corporalidade co normativo e das experiencias vitais.

Foto 1. Cartografía aula Foto 2. Cartografía colectivos

Sensibilizamos e promovemos un ocio potenciador da convivencia

En colaboración cos mesmos colectivos, o alumnado indagou sobre o limitado desenvolvemento do dereito ao lecer e deseñou propostas situadas no marco dos proxectos das entidades, non como actividades puntuais. A partir da análise de intereses e necesidades, dinamizaron diversas iniciativas de lecer coas que xerar oportunidades de convivencia desde diferentes dimensións: lúdica, cultural, artística, ambiental-ecolóxica, festiva..., buscando vincular ás persoas cos recursos comunitarios.

Practicando un lecer comprometido, un grupo voluntario de estudantes compartiu a experiencia na exposición pública do VII Encontro de Acampa e na II Convivencia de Educación Social, co obxectivo de sensibilizar e seguir indagando nos impactos dos discursos de odio.

A experiencia amosou o potencial da cartografía corporal como metodoloxía educativa transformadora que permite ir do individual ao colectivo, tomando o corpo como espazo de reflexión crítica e de acción.

Participaron 72 estudantes no mapeo corporal, 48 na dinamización de propostas de lecer, arredor de 130 persoas en situación de vulnerabilidade de 15 entidades sociais, e máis de 300 nos dous encontros.

Foto 1. Actividade co Depor Geniuine Foto 2. Exposición en Acampa Foto 3. Encontro Convivencia Educación Social