Delas Fest

2022

7H Cooperativa Cultural

ODS05 Igualdade Xenero, ODS11 Cidades Comunidades Sostibles

Desenvolto anualmente desde 2019 en diversas localizacións da bisbarra compostelá, é o primeiro festival de arte urbana e contextual que se celebra en Europa con perspectiva de xénero. O seu programa combina intervencións artísticas, obradoiros de creación, xornadas de análise e experimentación colectiva e encontros de convivencia entre veciñanza e creadoras co obxectivo de democratizar a expresión artística na rúa e contribuír ao combate das desigualdades que sofren as mulleres que crean no espazo público

Web | Facebook | Instagram | Youtube

Onde están as mulleres na arte urbana?

A pesar da popularización e crecente aceptación social da arte urbana, esta continúa a ser unha disciplina fortemente masculinizada na que o xénero establece fortes desigualdades no acceso ás oportunidades e os recoñecementos.

Co obxectivo de impugnar esta situación e os discursos que a xustifican baixo a escusa da suposta inexistencia de mulleres na disciplina ou da igualmente falsa “menor calidade” das súas obras, a equipa de 7H Cooperativa Cultural organiza desde 2019 o primeiro festival con perspectiva de xénero e contextual de Europa.

Herdeiro do programa Elas tamén Pintan, o Delas Fest presenta un cartel composto integramente por mulleres que traballan desde un enfoque feminista e apegado ao territorio cos obxectivos de:

  • Reducir a discriminación cara ás artistas, os estereotipos de xénero e a invisibilización do traballo das mulleres da arte urbana mediante a organización de marcos de creación libres, seguros e horizontais.
  • Promover e poñer en valor o capital social da comunidade local como produtora de sentido e de coñecemento, implicando a persoas e colectivos tradicionalmente excluídos da participación artística e facilitando ferramentas e espazos de convivencia.
  • Xerar espazos de intercambio de experiencias e saberes orientados ao establecemento de relacións de colaboración e apoderamento entre as artistas convidadas e a comunidade.
  • Transformar as vilas e espazos rurais do noso país dun modo igualitario, apoiando que as mulleres se apropien do espazo público, ocupándoo coas súas experiencias e creacións.
  • Descentralizar recursos e propostas culturais habitualmente destinadas ao contexto urbano cara ao rural, permitindo á poboación de todas as áreas do país acceder á arte contemporánea.

 

Na busca de respostas colectivas a problemas comúns

Os estereotipos de xénero, a escasa investigación teórica sobre o fenómeno e o anonimato e a colectividade como as súas principais características, volven prioritaria a análise da historia e situación actual da arte urbana desde unha perspectiva de xénero. Por ese motivo, o Delas Fest ten entre as súas metas realizar actividades que permitan construír redes desde as que tecer respostas colectivas transformadoras.

Nese senso, cómpre destacar a xornada “Mulleres e Cultura Urbana”, organizada dentro da edición 2020 co fin de fomentar o intercambio de experiencias, a creatividade colectiva e o espírito crítico na abordaxe das desigualdades no sector. Nun programa conformado por dous faladoiros e unha mesa redonda, artistas galegas de diversas disciplinas examinaron o estado da cultura urbana no noso país.

Igualdade, territorio e cultura comunitaria

 

A programación do Delas Fest baséase na defensa da igualdade de oportunidades, a diversidade, a cooperación e a aposta por dinámicas de creación colectivas baseadas na participación activa e inclusiva de todas as persoas, situadas no centro da produción e goce da creación cultural. As principais actividades que a compoñen son:

a) Xornadas de convivencia entre veciñas e creadoras: na procura de alimentar un diálogo creativo entre o territorio, as súas habitantes e as artistas convidadas, así como de facer máis partícipe á poboación local nos procesos creativos, o festival organiza encontros de convivencia a través dunha convocatoria aberta, chamada Anfitriónate! A finalidade deste chamamento público é que a comunidade sexa unha axente activa do festival a través da asunción do seu rol como anfitrioa ou embaixadora, isto é, como encargada de facilitar ás creadoras información inspiradora sobre a historia e a idiosincrasia do contexto nos que se insiren os espazos a intervir.

b) Intervencións murais: en cada edición, as artistas convidadas realizan murais cunha temática centrada na defensa da igualdade e cunha perspectiva contextual, isto é, relacionada co contexto físico e simbólico do lugar no que se realiza. A veciñanza que o desexe pode ceder gratuitamente as súas fachadas e valados para estas obras a través da convocatoria Muros en Man Común!

c) Obradoiros de creación con pintura mural: dirixidos por artistas profesionais e apoiados por docentes especializadas, diríxense tanto a persoas que queiran iniciarse na arte urbana como a aquelas que precisen perfeccionar coñecementos e habilidades.

Como resultado das catro edicións desenvoltas até o de agora, pódese destacar:

-A visibilización e dignificación do traballo das artistas urbanas e, en xeral, da batalla xeral a prol da igualdade de xénero en todas as esferas da vida social. 

-A mellora estética de espazos degradados e a revitalización de áreas deprimidas mediante as intervencións murais e os procesos colectivos que as fan posibles.

-O fomento dunha cultura participativa a través de actividades que permiten reactivar a cohesión social e alimentan a autoestima colectiva en relación coa identidade compartida.

-O apoderamento de persoas tradicionalmente excluídas dos espazos e canles de expresión creativa, como as veciñas do rural e de maior idade.