Elas tamén pintan

2022

7H Cooperativa Cultural

ODS05 Igualdade Xenero, ODS11 Cidades Comunidades Sostibles

Elas tamén Pintan é un laboratorio de arte urbana en clave feminista orientado a concienciar á mocidade sobre as desigualdades de xénero neste eido creativo e a dotar ás mulleres máis novas dun espazo formativo e de creación libre e seguro. A través da combinación de sesións teóricas con roteiros e obradoiros de experimentación, revisase a historia da arte urbana desde unha perspectiva de xénero, recoñecendo o traballo das artistas galegas, rachando estereotipos e facilitando ferramentas creativas ás participantes para a transformación artística igualitaria do espazo público

Web | Facebook | Instagram | Youtube

Perspectiva de xénero para hackear o discurso

Baixo o convencemento de que existen mulleres que se interesan e crean no espazo público, con traballos da mesma valía e merecedores do mesmo respecto e recoñecemento que os asinados por homes, en 2016 a equipa de 7H Cooperativa Cultural iniciou un proceso de investigación orientado a visibilizar o traballo das artistas urbanas.

Os  seus labores de estudo desembocaron na creación do programa artístico-educativo Elas tamén Pintan que, nas edicións celebradas até o de agora, (en 2017, 2018 e 2021) tivo como obxectivos transversais:

-Revisar e reescribir a historia da arte urbana de xeito colectivo e con perspectiva de xénero, combatendo a violencia simbólica cara ás mulleres creadoras a través da divulgación das súas traxectorias.

-Apoderar ás persoas máis novas, especialmente mulleres, facilitándolles referentes e técnicas artísticas propias da cultura urbana.

-Transformar artisticamente e desde unha dimensión contextual e igualitaria, baseada na participación activa da cidadanía, o espazo público.

Para alcanzalos, o programa de actividades  propón tres grandes módulos de actividades: “Coñecer”, destinado á análise crítica do panorama do sector; “Descubrir”, centrado no combate dos estereotipos de xénero desde unha perspectiva local; e “Crear”, deseñado para facilitar ferramentas e técnicas creativas para mudar o espazo público.

Ruta Urbana 2021

Coñecer para transformar

O primeiro bloque de contidos do programa céntrase na revisión colectiva da historia da disciplina con perspectiva de xénero a través de sesións baseadas na combinación da abordaxe teórica, con espazos de aprendizaxe e debate horizontais, e a experimentación en colectivo.

Trátase de que as participantes poidan coñecer e aproximarse ás orixes e diferentes etapas da arte urbana, así como a algunhas das referentes no eido internacional, estatal e galego en cada unha das técnicas e formulacións que adopta esta versátil expresión creativa.

Para poñer en práctica os coñecementos adquiridos nesta primeira fase e trasladar os debates á rúa a través da súa (re)descuberta como plataforma de expresión e reivindicación política, o segundo módulo temático diríxese áao coñecemento do contexto artístico local.  Con esta vontade, en cada unha das edicións realizáronse rutas pola cidade de Compostela para analizar, dende unha perspectiva feminista, as distintas mostras de arte urbana existentes (graffitis, murais, stencil, adhesivos etc).

Edición2017 Edición 2018

Pinta como unha moza!

A última fase do laboratorio realízase baixo o formato de obradoiro de creación e destínase á experimentación artística en colectivo. O obxectivo é dotar ás participantes de ferramentas e técnicas creativas para mudar o espazo público en clave feminista, desde unha perspectiva contextual e mediante dinámicas colaborativas. Así, as persoas involucradas no programa, coordinadas por docentes especializadas, encárganse de realizar conxuntamente o deseño do mural e, despois, de pintalo. No caso da edición de 2021 esta actividade enriqueceu a súa dimensión participativa coa implicación de veciñanza e diversos colectivos composteláns, que contribuíron a definir a temática da obra a realizar.

Mural 1 Mural 2 Mural 3 Memoria Elas Tamén Pintan 2017 e 2018 Memoria Elas Tamén Pintan 2021 Mural colectivo 2017 Mural colectivo 2018 Mural colectivo 2021