E NON ERA OURO - Unha experiencia de cartografía emocional na cidade de Betanzos

2021

Colectivo non formal - Ara-Sol Romero e Antía Soto

Unha experiencia de cartografía emocional na cidade de Betanzos. Dúas mulleres que rematamos no 2020 o grao en Educación Social decidimos promover este proxecto, baseado na memoria histórica da vila dunha de nós a través da metodoloxía de cartografía emocional

Pasado, presente e futuro de Betanzos segundo a súa veciñanza

Aterramos simbólicamente en Betanzos un día de principios de agosto de 2020, e comezamos a facer derivas por diferentes espazos e recunchos da cidade. Mapeamos os diversos barrios e conversamos coa veciñanza e con persoas que formaban parte de diferentes asociacións betanceiras, quen proporcionáronnos documentos, arquivos, fotografías... sobre a historia da vila. Paralelamente, realizamos visitas ao Arquivo Municipal de Betanzos, onde tamén obtivemos material fotográfico e documental para crear o marco histórico da vila.

O seguinte paso era seleccionar o fío condutor do proxecto, sobre que xiraría a nosa cartografía? Despois de mergullarnos na información, decidimos que serían os Irmáns García Naveira. Dous irmáns que migraron a “facer as Américas” e voltaron para invertir na súa vila de orixe. E así decidimos que era necesario investigar sobre o concepto de migración que teñen as xentes de Betanzos, ademais dos movementos migratorios que fixeran os seus ancestros e os que se producían dentro da vila.

Posteriormente creamos o guión da entrevista, a cal estaba dividida en catro eixos. O primeiro recibiu o nome “quen es e de quen ves sendo”, con preguntas para obter información sobre a persoa entrevistada (lugar de orixe, vínculo con Betanzos, que sabían dos Irmáns García Naveira, etc). En segundo lugar, o pasado, tanto de Betanzos como da persoa entrevistada (en que barrio vivía, un recordo nalgún espazo de Betanzos, como recorda as relacións interpersoais no pasado, etc). Seguidamente entrabamos no presente, de novo da vila e da persoa (onde reside actualmente, en que espazos pasa o seu tempo de lecer, a que ole Betanzos, etc). E, por último, o futuro. Quizais as preguntas máis difíciles de responder; os desexos, as inquedanzas ou as preocupacións sobre o rumbo que tomaría Betanzos (como imaxina a cidade nun futuro próximo, que desexa que perdure, etc).

Durante os meses de setembro a marzo de 2021 realizamos case 100 entrevistas a persoas maiores de idade que viven ou desenvolven a súa actividade laboral na cidade betanceira. E despois de transcribir a información, era o momento de seleccionar as necesidades. Baseámonos nas necesidades de Max-Neef, e nun primeiro momento observamos oito: protección, afecto, entendemento, participación, ocio, creación, identidade e liberdade. Todas elas foron mencionadas en maior ou menor medida e extraídas das testemuñas recompiladas. Mais, tamén sumáronse outras novas: a necesidade de traballo (falta de oferta laboral, falta de apoio das institucións para novos/as emprendedores/as...), necesidades en relación á figura da muller (seguridade nas rúas, iluminación, acceso a recursos...) necesidades no tocante á vivenda (prezo do aluguer, estado das fachadas, xentrificación...) ou necesidades en relación á intimidade.

Entre marzo e xuño do 2021 realizamos a categorización das 665 necesidades obtidas, as cales xa eran fragmentos debidamente revisados e divididos en positivo ou negativo (segundo o punto de vista da persoa) e segundo fosen de homes ou de mulleres. O resultado foron 10 categorías: persoas, estigma, muller, adolescencia, migración, asociacionismo e agrupacións artísticas e deportivas, espazos, Betanzos histórico, feiras e comercio local, Parque do Pasatempo e Mendo e Mandeo. Ademais, tamén recompilamos as diversas ideas que existían sobre quen foron os Irmáns García Naveira, e dúas persoas externas ao proxecto crearon dous imaxinarios sobre a súa figura como eixo transversal da cartografía emocional betanceira.

E chegou o verán de 2021. Durante xuño, xullo e agosto foi o momento de pensar, repensar e idear a materialización de todo o proceso. Reunimos materiais para ambientar a exposición, creouse un vídeo da man de Factoría Nini para inmortalizar os espazos de Betanzos dos que se falaban nas entrevistas e tamén unha banda sonora orixinal a través do músico betanceiro Fernán Mejuto, quen foi capaz de darlle un cambio de perspectiva a típica canción “Foliada de Betanzos” para acompañar as persoas que visitaran a exposición durante todo o recorrido, e outra peza única para a curtametraxe. 

A finais de agosto tiñamos todos os ingredientes para comezar coa exposición e abrir as portas do noso proxecto á veciñanza e calquera que se prestase a visitarnos durante os 20 días que duraba a mostra.

 

O que sinalan as voces

OS ESPAZOS

Para presentar as necesidades de forma accesible para as persoas que viven ou traballan en Betanzos realizamos unha mostra no mes de setembro de 2021. Dita mostra estivo ubicada no edificio do Antigo Matadoiro, no barrio da Ribeira, e consistía nunha división espacial segundo os fragmentos das entrevistas referidas aos diferentes momentos cronolóxicos tanto do territorio como da persoa entrevistada (pasado, presente e futuro).

Amoreamos os fragmentos respecto das necesidades baseadas en Max Neef e lle puxemos un toque artístico ao reclamo cun decorado por cada un dos espazos: o pasado (unha mesiña de noite, espazo para o olor do lúpulo, fotografías antigas de Betanzos...), o presente (carteis de “se vende”, unha terraza de bar e utensilios de obra...) e o futuro.

Entre os espazos de presente e futuro ubicamos unha sala de cine. Dous telóns negros envolvían ás persoas asistentes nunha burbulla audiovisual duns 20 minutos de duración, que fai o percorrido por aqueles lugares en desuso, mal estado ou cheos de emocións dos que falaron as persoas entrevistadas.

Como fío condutor, durante a visita, os irmáns García Naveira estiveron presentes a través de dous relatos colectivos, un ubicado no pasado e outro antes de comezar o futuro. Un dende a visión externa ao territorio e outro dende a interna. As dúas caras dunha mesma moeda que construímos tras preguntar por eles nas entrevistas á veciñanza, tratando de entender que pensa ou sabe Betanzos de sí mesma e tamén, que pensa e sabe Betanzos da migración.
 

O MAPA

A imaxe desta micro – experiencia é o mapa de Betanzos. Nel poden apreciarse unha serie de ubicacións situadas nos diferentes lugares da vila, unhas en cor azul e outras en cor laranxa. As ubicacións de cor azul representan os lugares onde vivían as persoas entrevistadas no pasado, e as laranxas son os puntos onde viven no presente. A medida que avanzabamos nas entrevistas, enchiamos o mapa e puidemos observar como, ao largo do tempo, producíronse fenómenos migratorios dentro da propia cidade de Betanzos.

Empezando polas azuis, podemos ver como hai un gran número de ubicacións na zona do Casco Histórico e do barrio da Ribeira, porén, actualmente apenas hai ubicacións laranxas nesas zonas. Que ocorreu? No caso das persoas que vivían no Casco Antigo, deciden mudar a súa residencia cara barrios de nova construción (Cruz Verde, Bellavista e Rosalía de Castro, sobretodo) debido ao alto custe do aluguer, o mal estado das fachadas, a carente accesibilidade nas vivendas e a falta de zonas de aparcamento gratuítas preto. No caso da Ribeira, barrio de orixe humilde, as persoas deciden mudarse de barrio en gran medida polas inundacións producidas polo crecemento das mareas. Mais non se dirixen cara Cruz Verde ou Bellavista, senón para o barrio da Condesa. O motivo era a similitude das vivendas de este último barrio coas da Ribeira, as coñecidas como vivendas de protección oficial.

Outro caso é o barrio da Condomiña e a Magdalena. Cando Betanzos aínda estaba amurallado, o barrio da Magdalena foi o lugar onde se instauraron as persoas afectadas pola lepra e actuou como foco para non propagar a enfermidade. É un dos barrios históricos da cidade. Podemos observar unha serie de ubicacións laranxas nesas zonas, mais, as persoas entrevistadas que residen alí no presente non o fan nas casas típicas da zona, cunha morfoloxía similar ás aldeas, senón que ocupan as vivendas dos edificios de nova construción que están pegados á estrada. Quen vive no barrio histórico? Pois na gran maioría persoas de idade avanzada, ademais de moitas vivendas en desuso ou en ruínas porque ninguén colle o relevo xeracional cando as máis maiores falecen.

Cal é o resultado? Betanzos sofreu un paulatino (pero continuado) éxodo das zonas históricas (Casco Antigo, A Ribeira, A Magdalena e A Condomiña) cara outras de nova construción. As persoas deixaron de vivir nestas zonas, mais tamén deixaron de ter os seus negocios e o seu ocio nelas. O caso máis representativo é o da Rúa Travesa, ubicada no Casco Histórico, a rúa comercial por excelencia durante gran parte da súa historia. Na actualidade, é unha rúa vaciada, unha rúa repleta de silencio, carteis no que poden lerse “se alquila” ou “se vende”, unha rúa sen vida. Este tipo de migración está invisibilizada, en gran medida porque estadísticamente Betanzos non perde habitantes pero si existen determinadas zonas despoboadas.