Bosque comestibel

2025

CEIP nº 1 de Melide

ODS11 Cidades Comunidades Sostibles, ODS12 Producion Consumo Responsable, ODS13 Accion Polo Clima, ODS15 Vida Ecosistemas Terrestres

O Bosque Comestibel é o resultado dun proxecto solidario e colaborativo realizado polo alumnado do CEIP Nº 1 de Melide en colaboración con outras entidades, que consistiu na creación dun novo e pequeno ecosistema nun espazo ermo do pobo de Melide. Nese espazo convivirán diversas especies de plantas das que se poden obter froitos comestibles, dende árbores froiteiras a pequenos arbustos. Eses froitos servirán de alimento ás persoas, aos paxaros, a diversos animais...

Como podemos mellorar o mundo no que nós vivimos?

O magosto en Galicia é unha desas festas cun vencello especial coa comunidade. A veciñanza comparte tempo e espazo nunha celebración que conmemora a recollida das castañas e que se relaciona, seguramente, coa honra e o recordo ás nosas devanceiras. Na nosa pequena comunidade, foi, probablemente, a primeira vez do ano escolar onde puidemos xuntarnos e compartir tempo e espazo todas as persoas que formamos parte dela. E alí valoramos a posibilidade e a conveniencia de inculcar ao noso alumnado a necesidade de construír un mundo mellor e de ser capaces de sumarlle, en positivo, á sociedade que nos rodea. Nunha comarca e nun País que viven actualmente baixo a ameaza da implantación dunha mega - celulosa e nun territorio onde a paisaxe natural é un deses símbolos da nosa identidade, pensamos nun proxecto que agrupara esa reivindicación social existente coa creación dun pensamento ecoloxista e concienciado na defensa da Terra, onde puideran participar, máis aló do propio centro escolar, outras entidades presentes na vida de Melide. Aparecía o xermolo do noso Bosque Comestibel.

Un proxecto colaborativo e solidario

Unha idea xurdida aló polo mes de novembro fíxose realidade nos albores do mes de abril. Era o colofón a un camiño. Antes, foi preciso percorrer diversas etapas e contar colaboración e a participación de moitas persoas:

  1. Almanaque solidario: elaborado e distribuído polo alumnado coa colaboración das súas familias, permitiu recadar a achega económica necesaria para poder desenvolver o proxecto.
  2. Espazo verde: o Concello de Melide cede un espazo ermo da súa propiedade onde realizar a plantación das árbores. As nenas e nenos encargaranse da limpeza dese espazo.
  3. Adquisición árbores: o profesorado do centro é o encargado da compra das árbores que formarán o bosque. Diversas familias e viveiros locais colaboran no seu deseño e ordenación.
  4. Centro de Terapia Ocupacional: establécese contacto co Centro de Terapia Ocupacional da localidade, as súas usuarias e usuarios han colaborar no proxecto o día da plantación do bosque.
  5. Familias e Concello de Melide: as familias da rapazada son parte fundamental do proxecto, ademais do compromiso e colaboración na elaboración e venda de almanaques participan, en primeira liña, na plantación das árbores. O Concello de Melide, máis aló do terreo, cede material e horas de traballo para acondicionamento e mantemento do bosque.

A Plantación

O día 8 de abril ás 10 da mañá estaban convocadas as familias do alumnado, as usuarias e usuarios do Centro de Terapia Ocupacional e a rapazada de 1º e 3º de EP do CEIP de Melide Nº 1. Era o día onde se había realizar a plantación do bosque comestible. Despois de case 3 horas de traballo e 60 árbores plantadas, unha merenda  en comunidade poñía o fin e o broche ao proxecto. Restaban tarefas de regadío e mantemento, que se levarían a cabo en días posteriores.

En xornadas posteriores lévase a cabo tamén a comunicación do proxecto ao exterior. O 28 de abril realizouse a presentación oficial do Bosque, en xornadas anteriores presentárase nas diferentes aulas do IES de Melide.

Nova no CERNE (pax. 11) Dossier fotográfico