Radio cun sorriso: Cidadáns do mundo!!! Ningunha guerra é allea!!!
Proceso de investigación sobre os conflitos bélicos e as súas consecuencias nas persoas e na sociedade realizado polo alumnado de 6º curso da Ed. Primaria do CPI VIRXE DA CELA que como produto final elaborou un programa de radio no que entrevistaron a unha persoa experta que destaca polo seu compromiso social ante esta problemática.

Cidadáns do mundo!!! Ningunha guerra é allea!!!
Esta experiencia radiofónica pretende que o alumnado entenda as causas e as consecuencias dos conflitos bélicos inciden en todas as sociedades. Concretamente o desenvolvemento do obxectivo 16 dentro dos ODS: “Promover sociedades xustas, pacíficas e inclusivas”.
Na primeira sesión compartimos diferentes temas de interese para decidir a que temática que íamos tratar no programa de radio. O alumnado de 6º curso da Ed. Primaria do CPI Virxe da Cela decidiu investigar sobre os conflitos bélicos. Dentro desta investigación propuxeron unha persoa coñecedora desta temática para entrevistala. Neste caso entrevistaron a Omenuke Mfulu, xogador do Deportivo, quen desenvolveu un proxecto deportivo no Congo para rapazada en situacións de risco polos conflitos bélicos desta área xeográfica.
Posteriormente a esta entrevista propuxeron unha acción e en colaboración co centro educativo conseguiron unha achega económica en apoio á escola de novos talentos do fútbol en Kinshasa.
Que situacións actuais no noso arredor nos preocupan? Hai xustificacións para os conflitos armados?
Que situacións actuais no noso arredor nos preocupan?
Esta pregunta foi o primeiro achegamento á experiencia radiofónica deste curso. O alumnado respondeu persoalmente mediante unha chuvia de ideas marcadas con etiquetas nunha cartolina. Unha vez lidas todas, cada quen defendeu a súa achega. Á elección deste tema axudou a publicación na prensa da necesidade de contar cun kit de supervivencia recomendado por parte das autoridades da UE e que impresionou fondamente aos rapaces e rapazas, os cales vírono como unha especie de ameaza de guerra próxima que nos afectara directamente.
Decidida temática a tratar informámonos sobre cales son as principais causas de conflitos bélicos ao longo da historia, cales son as guerras actuais, incluso as que están tan enquistadas que non aparecen nos noticiarios, e as súas consecuencias na poboación civil. Para iso tomamos datos de internet en diferentes páxinas
Hai xustificacións para os conflitos armados?
Día a día aparecen nos medios de comunicación a situación bélica entre Rusia e Ucranía, así como a desenvolvida en Gaza. O alumnado tentou achegarse aos motivos que as provocaron.
Entre a clase chegamos á conclusión de que os conflitos bélicos se producen por diferentes causas: invasión do territorio na loita polos recursos da terra, por diferenzas étnicas, por ideoloxías contrapostas...
En xeral houbo unanimidade en que as diferentes sociedades civís son as que sofren as peores consecuencias destes conflitos con pobreza, fame, desprazamentos non desexados... e sobre todo con moita preocupación por que a poboación civil e en especial a infancia vexa reducido o seu dereito a vivir en paz.
Tamén xurdiu unha discusión sobre se os artistas deben ou non manifestarse en contra ou a favor das guerras e algúns dixeron que iso era meterse en “política”. A conclusión maioritaria foi que calquera persoa, ideoloxía, manifestarse en contra das guerras e a favor da paz é un dereito básico das sociedades libres e democráticas.
Buscamos a Mfulu que nos achegue o seu proxecto
Sensibilizado o alumnado co tema, contactamos con Mfulu, xogador do Deportivo da Coruña para que nos falara da situación da guerra do Congo e de como inflúe na vida cotiá da cidadanía congolesa.
O alumnado de sexto visitou na Cidade Deportiva de Abegondo para facelle unha entrevista na que nos fala da situación dun conflito vixente aínda hoxe.
Fomos coñecedores de que, aínda que el non viviu nese país, senón que pasou a súa infancia en Francia, está sensibilizado coa situación do país das súas orixes e creou unha escola de fútbol en Kinshasa. Unha maneira de facer do deporte unha ferramenta de desenvolvemento persoal e de fomento de paz.
A partir desta entrevista 50 nenos e nenas acudiron o pasado 1 de xuño ao partido do Depor a gozar dun “enfrontamento” pacífico entre dous clubes decidindo apoiar a escola de Mfulu como aportación económica equivalente ao que custou o desprazamento dende Monfero á Coruña nun xesto de abrazar aos “nenos e nenas da guerra”.
Tamén crearon un podcast no que se pode escoitar o resultado final do proxecto.