Nós tamén contamos! A infancia ten a palabra

2025

CEIP San Francisco Javier

ODS04 Educacion, ODS01 Fin Pobreza, ODS10 Reducion Desigualdades, ODS12 Producion Consumo Responsable, ODS13 Accion Polo Clima

Esta microexperiencia parte da necesidade de nenos e nenas de 1º de primaria de ser escoitadas e escoitados en relación a diferentes problemáticas do mundo que lles rodea. Creamos un espazo na aula adicado a coñecer, investigar e reflexionar sobre as cuestións que máis lles preocupaban. Buscamos tamén fórmulas para poder expresar as súas inquedanzas e posicionamentos, sendo a principal a creación dun manifesto público e unha regueifa reinvindicativa. Deste xeito naceu "a tribo cambiamundos".

Ollamos o mundo de aí fóra

Incorporamos na aula a rutina de comezar a ler o xornal, e fomos recortando aqueles temas que máis nos inquedaban: a guerra en Gaza, o problema de acceso á vivenda, a posible construción da macrocelulosa Altri... Así nace a principal pregunta deste espazo: por que as persoas adultas toman determinadas decisións que van en contra dos dereitos humanos e do coidado do planeta? Nace tamén unha frustración por sentir non seren escoitados e escoitadas e abrimos dous procesos paralelos:

-Por un lado, seguir facendo un seguemento dos conflictos que máis nos preocupan, principalmente a guerra en Gaza e a construción da macrocelulosa Altri. Recollimos recortes de prensa coas diferentes intervencións de Israel, o aumento de mortes, a realidade das persoas refuxiadas... Tamén fixemos un seguemento do estado no que se atopa o proxecto de Altri así como as diferentes protestas que se foron sucedendo ao longo deste meses. Investigamos tamén cales serían as consecuencias medioambientais para a flora e fauna da Ulloa, especialmente a través da área de Ciencias da Natureza.

-Por outro lado, comezamos a investigar sobre iniciativas de participación infantil e xuvenil, atopando referentes como os Consellos da Infancia ou incluso protestas masivas históricas, como foi a cadea humana de escolares no marco das protestas do movemento Nunca Máis.

Adultos, adultas, que estades facendo co noso planeta?

Tras un primeiro proceso de recollida de información, iniciamos outro de reflexión a través das seguintes actividades:

-Fixemos diferentes dinámicas cooperativas encamiñadas a construír en equipo unha vivenda. Non tanto para reflexionar sobre a vivenda en sí, senón sobre a importancia do traballo en equipo, do diálogo e do consenso como formas non violentas de relación. Empregamos a vivenda como excusa para entender como se escalan os conflictos e como podemos previlos.

-Realizamos unha exposición no centro na cal, empregando imaxes en branco e negro da Gaza destruida, imaxinamos e debuxamos sobre as mesmas a súa reconstrución. Como soñamos e imaxinamos Gaza? Cal é a reconstrución que queremos para os e as gazatíes? Esta acción foi ideada tras ler no xornal os plans de Israel e os Estados Unidos de convertir Gaza nun resort turístico, expulsando definitivamente á súa poboación de orixe.

- Fixemos unha xornada de convivencia co alumnado de 5ºB empregando a dinámica do Café-Diálogo para explorar solucións e ideas que contribúan a mellorar as problemáticas traballadas na aula. Para iso creamos seis mesas de traballo centradas no dereito ao hábitat, dereito a un planeta sostible e dereito á paz e xustiza.

- Ademais, realizamos un obradoiro da man de Solidariedade Internacional Galicia para encaixar e vincular todo o traballo cos Obxectivos do Desenvolvemento Sostible e poder coñecer tamén de primeira man o traballo dunha Organización non Gobernamental.

O futuro precisa de nós: ESCOITÁDENOS!

Tras o proceso de reflexión, decidimos elaborar un manifesto para compartir con toda a comunidade, froito da necesidade de  ser escoitados e escoitadas. Ao ter tanto que dicir, e aproveitando tamén que este ano adícase o día das Letras Galegas ás nosas mulleres tocadoras, decidimos transformar este manifesto nunha regueifa, coa melodía coa regueifaba Eva Castiñeiras (Muxía) unha das pandeireteiras homenaxeadas este ano. En dito manifesto, tentamos volcar as nosas peticións e reinvindicacións como nenas e nenos que tamén teñen dereito a decidir e opinar sobre accións que lles afecta tanto no presente como nun futuro.

Fixemos outras pequenas accións dentro desa necesidade de ser escoitadas, como unha acción artística sobre cal é o significado de “liberdade” para nós ou un escrito no xornal da escola manifestando a nosa repulsa aos conflictos armados.

Dossier fotográfico