Mochilas pesadas
Mediante esta microexperiencia preténdese achegar ao alumnado de Educación Infantil a outras realidades sociais, fomentando a comprensión das causas polas que moitas persoas se ven obrigadas a fuxir dos seus países. A finalidade é promover a empatía e combater ideas racistas desde as primeiras etapas educativas, en relación co Obxectivo de Desenvolvemento Sostible 16: Paz, xustiza e institucións sólidas.

A cara B do mundo
Indagamos nas causas que obrigan a moitas persoas a abandonar os seus países de orixe, así como nos distintos riscos e dificultades que afrontan durante o camiño migratorio.
Exemplificamos esta realidade a través de casos como Palestina, Siria ou Venezuela, por seren temas de actualidade, e buscamos información en xornais e publicacións de diversas ONG como ACNUR, UNICEF ou Open Arms.
Reflexionamos tamén sobre a escasa aceptación e acollida que moitas veces atopan nos países de destino, mesmo despois de superar unha viaxe longa e perigosa.
Para a recollida de información empregamos imaxes significativas, vídeos de ONG e curtas audiovisuais adaptadas ao nivel de Educación Infantil, que facilitaron a comprensión da realidade migratoria e contribuíron a xerar empatía no alumnado.
Xogar á guerra para comprender a paz
Achegámonos, de xeito vivencial e empático, ás realidades recollidas nos contos e nas curtas visualizadas previamente. A través dunha proposta experiencial, o alumnado participou nunha simulación do proceso migratorio: tiveron que abandonar simbolicamente os seus fogares, levando só a súa pequena mochila do cole, e emprender unha viaxe chea de obstáculos. Durante o percorrido, enfrontáronse a dificultades como o paso por fronteiras, onde se estableceu unha diferenciación simbólica entre alumnado de “primeira” e “segunda” a través de gomets verdes e vermellos. No control fronteirizo recolléronse os seus datos persoais antes de seren admitidos nun campamento de persoas refuxiadas, representado por unha tenda de campaña.
Esta experiencia permitiu vivenciar, desde o xogo simbólico, a inxustiza e desigualdade que sofren moitas persoas migrantes no seu camiño cara a unha vida digna.
Bandeiras apátridas
Como peche da experiencia, o alumnado creou de forma colectiva unha gran bandeira que
simboliza a todas aquelas persoas forzadas a abandonar os seus fogares. Esta creación serve para visibilizar o aprendido, expresar os sentimentos vividos e promover unha conexión afectiva que recoñece e acolle con dignidade a todas as persoas apátridas.