Non se pode descolonizar sen despatriarcalizar: unha reflexión colectiva con María Galindo en Compostela
O Museo do Pobo Galego acolleu o día 8 de xaneiro a sesión formativa Non se pode descolonizar sen despatriarcalizar, a cargo de María Galindo, pensadora feminista boliviana e integrante do colectivo Mujeres Creando.
9 xaneiro 2026 | A actividade reuniu arredor de cincuenta persoas procedentes de ámbitos profesionais e vitais diversos, xerando un espazo plural de reflexión e diálogo no que a participación activa e a interacción coa poñente foron constantes ao longo de toda a sesión.
A intervención de María Galindo estruturouse arredor de tres preguntas fundamentais: que é o feminismo, de onde vén e para que serve. Para darlles resposta, a autora propuxo un percorrido crítico que cuestiona os relatos hexemónicos e permite repensar os feminismos desde unha perspectiva política, histórica e situada. Neste sentido, articulou a súa análise a partir de catro ángulos xenealóxicos: o feminismo como ideoloxía que se expande de Norte a Sur; como proxecto de dereitos para as mulleres impulsado desde os Estados; como proposta ineludiblemente ancorada no Estado moderno burgués e capitalista; e, finalmente, os feminismos como o único proxecto xenealóxico planetario que, para existir, é necesariamente múltiple, recoñecendo iniciativas simultáneas que responden a historicidades e contextos propios.
Galindo salientou a importancia de traballar desde a diversidade xenealóxica fronte á imposición dunha xenealoxía única, que aspira a construír un pensamento único e reproduce lóxicas claramente colonialistas. Segundo expuxo, esta operación realízase a través de ferramentas como a diplomacia, a cooperación internacional ou determinadas prácticas artísticas. Ao longo da sesión introduciuse tamén o concepto de tecnocracia de xénero, unha lectura crítica do que habitualmente se denomina “feminismo branco”, entendéndoo non desde o fenotipo, senón desde as relacións de poder e a súa función de desactivación de calquera posicionamento antisistema.
Neste marco, a autora detívose en tres nocións amplamente empregadas con ese fin: o empoderamento, que individualiza problemáticas estruturais; a tese da inclusión, que nega a posibilidade de actuar fóra da lóxica dominante; e a mutilación da capacidade subversiva dos movementos feministas. A sesión convidou tamén a reflexionar sobre os mecanismos que están a moldear o feminismo galego na actualidade.
Na parte final, María Galindo presentou a proposta da Despatriarcalización como unha tese aberta que funciona ao tempo como método, lectura de época e horizonte político para desmontar as estruturas patriarcais. Como liñas de acción, compartiu conceptos clave do traballo de Mujeres Creando, como o feminismo intuitivo, a política concreta ou a necesidade de establecer alianzas e recoñecer a diversidade dos suxeitos, favorecendo que estes saian da mudez e ocupen o espazo público, para o cal se utilizaron tamén exemplos reais de subversión realizados polo colectivo boliviano. Sinalou, ademais, a relación ineludible entre a despatriarcalización e a descolonización, ao subliñar que o colonialismo incorporou o carácter patriarcal das culturas precoloniais como un elemento constitutivo do propio proceso de conquista. Esta operación xerou unha alianza inconsciente entre colonizador e colonizado ao redor da opresión das mulleres, o que permite entender ambos os procesos como parte dunha mesma matriz de dominación: non pode pensarse o un sen o outro.
Esta sesión insírese no proxecto O Globo e nunha secuencia formativa con Mujeres Creando que terá continuidade ao longo de 2026, da man da Coordinadora Galega de ONGD, co obxectivo de seguir avanzando colectivamente cara a unha cooperación feminista, crítica e transformadora.
Para aquelas persoas que desexen seguir afondando no pensamento e nas propostas políticas de María Galindo, nas tendas de Comercio Xusto de Solidariedade Internacional de Galicia poderán atopar os seus libros, camisetas, carpetas e outros materiais, que lles permitirán ampliar a reflexión teórica, alén de apoiar proxectos feministas críticos e transformadores.

