As rúas de Compostela énchense de apoio ao pobo palestino
O pasado domingo, 5 de outubro, milleiros de persoas déronse lugar na Alameda de Santiago de Compostela ás 12 da mañá para protestar en contra da situación que está a acontecer en Palestina.

6 outubro 2025 | A capital galega viviu unha das mobilizacións máis multitudinarias da súa historia en solidariedade con Palestina. Decenas de milleiros de persoas percorreron as rúas de Santiago para esixir o fin da ocupación e da violencia exercida sobre o territorio palestino.
A marcha, organizada pola Coordinadora Galega de Solidariedade con Palestina e respaldada por máis de 200 organizacións sociais, sindicais e culturais, partiu da Alameda ao mediodía. A afluencia foi tal que, unha hora despois, continuaban chegando columnas de manifestantes que seguían ateigando as rúas da cidade.

A Praza do Obradoiro, lugar de finalización da marcha, ateigada de bandeiras palestinas e kufiyas e convertida nun espazo de unidade e reivindicación, quedou pequena. Moitas das persoas asistentes non puideron acceder a ela mentres se lía o manifesto, debido á enorme participación.
Baixo o lema “Galiza con Palestina. Dous anos de xenocidio, 77 de ocupación”, Galicia sumouse ao clamor internacional que chama ao cesamento da guerra e ao recoñecemento dos dereitos fundamentais do pobo palestino.
Esta mobilización masiva volveu amosar o compromiso e a sensibilidade da cidadanía galega coa defensa dos dereitos humanos e coa solidariedade entre pobos.
