Festival Multiculti, un evento para o intercambio entre persoas

2025

Asociación Cultural e de Ocio ASANTA TERANGA

ODS10 Reducion Desigualdades

Organizamos unha festa para celebrar a diversidade de culturas e persoas de distintos países que viven no Concello de Vilardevós (Ourense). O evento consistiu nunha degustación de gastronomía de Senegal, Venezuela, Grecia, Marrocos e Galicia, amenizada por un concerto e actividades para a cativada. Os bares do pobo colaboraron preparando bebidas de diferentes países.
Instagram

Habitar o rural: diversidade, encontros e desafíos.

No Concello de Vilardevós, no que actualmente están censadas 1.600 persoas, conviven familias de ata 15 nacionalidades distintas, reflectindo unha crecente diversidade no corazón do rural ourensán. Porén, a pesar deste mosaico cultural, os encontros entre veciñanza son escasos e a integración aínda representa un reto. A chegada de novos poboadores a este Concello en busca de novas oportunidades é algo positivo, mais topa cos desafíos recorrentes de acceso á vivenda e ao emprego, mesmo nun contexto de numerosos inmobles baleiros.

Intercambiar costumes culturais pode axudar a coñecernos mellor?

A falta de integración entre as diversas nacionalidades que conviven nun mesmo municipio pode ter efectos negativos para toda a comunidade. Aínda que Vilardevós ten recibido cos brazos abertos a novas familias, estas comunidades aínda non se coñecen o suficiente e non se adoitan relacionar na escena pública polo que require da vontade de toda a veciñanza.

Celebramos a diversidade a través do encontro multicultural e gastronómico

Celebrouse un evento que combinou gastronomía, música en directo e actividades para o público familiar, nunha celebración pensada para promover a diversidade e o encontro no rural.

Durante a xornada, os bares da zona sumáronse á iniciativa ofrecendo bebidas típicas de distintos lugares do mundo, nun xesto de apoio ao tecido empresarial local, que acolleu a proposta con entusiasmo. 

A pesar do tempo adverso, preto de 200 persoas achegáronse a participar. Grazas ao apoio da Deputación de Ourense (INORDE), instalouse unha carpa que permitiu o desenvolvemento das actividades malia a chuvia. O evento contou tamén coa colaboración do CDR Portas Abertas e do Concello de Vilardevós na súa difusión.

Por outra banda, a implicación do colexio local foi clave na ambientación: cederon mapas antigos dos continentes para a decoración e o alumnado participou previamente coloreando as bandeiras das diferentes nacionalidades presentes, que logo foron exhibidas durante a festa.

Unha vintena de nenos e nenas animáronse a pintar caretas de animais e gozaron da música ao final da velada, nun ambiente festivo e integrador.

Medios de comunicación locais, rexionais e a nivel nacional fixéronse eco da iniciativa. Xornais como La Región, La Voz de Galicia e o Diario do Támega publicaron información antes e despois do evento, o que atraeu tamén a algunhas persoas doutros concellos máis afastados de Vilardevós, incluso desde Ourense.

Nova en La Región Nova no DiarioDoTámega Nova en Diario do Támega Nova en La Voz de Galicia Dossier fotográfico