Abeiramos! Nos nosos mapas, todo o mundo ten cabida!
Esta iniciativa pretende fomentar a empatía cultural empregando a metodoloxía das cartografías sociais. Forma parte do proxecto “Abeirar” e alíñase co Obxectivo de Desenvolvemento 10: reducir as desigualdades en e entre os países, o coñecemento das causas estruturais xeradoras de desigualades e das consecuencias, en concreto no fenómeno migratorio, así como as interconexións existentes entre todos os países.

Imos cara sociedades máis diversas culturalmente
Atendendo ás predicións do Instituto Nacional de Estadística (INE) , Galicia terá no ano 2039 unha poboación semellante á actual pero si que cunha orixe máis diversa, unha diversidade que xa se está a visualizar na Galicia urbana e entre a xente máis nova. Estímase que no 2039 o 19% da poboación galega terá nacido no estranxeiro – fóra do Estado – fronte ao 11% actual. Nas xeracións máis novas esta porcentaxe incrementa posto que xa na actualidade o 17% da poboación entre 25 e 44 anos naceu no estranxeiro.
Así pois, pódese dicir que en Galicia conviven - e convivirán - culturas diferentes que, se ben predomina unha convivencia positiva, tamén se percibe un auxe do discurso do odio e racista en consonancia co aumento de tendencias políticas populistas e abertamente xenófobas que se está producindo en toda Europa.
O informe anual de SOS Racismo 2022 amosa unha tendencia á alza das denuncias rexistradas por esta entidade sendo o racismo institucional a tipoloxía de vulneración maioritaria seguida moi de preto coa tipoloxía de denegación de acceso a servizos privados. Os casos de conflitos e agresións, tanto en espazos públicos como privados – e os discursos de odio permean moitas das denuncias rexistradas identificando agresións ou conflitos sen violencia física pero si empapadas de discursos racistas e xenófobos.
Ante este aumento preocupante dos discursos de odio, faise necesario desenvolver estratexias que fomenten a empatía intercultural tal como se detallará no seguinte apartado.
Ante o auxe dos discursos de odio, faise necesario desenvolver metodoloxías creativas que poñan en xogo as emocións.
Unha das metodoloxías que se empregará de forma predominante ao longo do proxecto será a elaboración de cartografías sociais de maneira participada.
O traballo arredor das cartografías sociais permitirá rachar coa representación hexemónica plasmada nos mapas dos territorios e incluír unha visión humanista de quen os habita incorporando así dimensións e elementos – como emocións, sons, historias de vida... – que acostuman a non representarse nos mapas convencionais.
“O mapa non é o territorio. Os mapas son representación, con intencións, postura ética, tendencias políticas, idioma, subxectividade...
A representación dun mesmo territorio é diferente en relación a ese para que se fai o mapa, en relación a quen o constrúe...
O mapa é unha construción que responde a unha necesidade concreta.”
Alfonso Díaz Smith (2023) Colectivo de Prácticas Narrativas, CDMX
Esta proposta nace do feminismo comunitario que introduce a idea de corpo como o primeiro territorio. O corpo é unha entidade espacial pero, baixo esta premisa, a idea de corpo transcende do biofísico e deriva a outros marcos dende onde pensar os corpos, dende a emocionalidade tan impregnada do entorno social, cultural e histórico. Así pois, as historias de vida corporais deixan entrever – directa ou indirectamente – prácticas concretas de opresión exterior e interior que se materializan na nosa corporalidade.
Ademais os procesos de cartografías sociais requiren necesariamente da participación das persoas que habitan o territorio a cartografiar.
Así pois, durante o proxecto búscase xerar procesos participativos arredor da elaboración das cartografías sociais como un punto de inicio para seguir afondando na participación comunitaria como un proceso gradual e dinámico que favoreza a empatía intercultural.
Abeiramos! Nos nosos mapas, todo o mundo ten cabida!
O grupo participante foi alumnado de 6º de primaria do CPR Vilas Alborada, situado no barrio de San Pedro en Santiago de Compostela, centro colaborador habitual de ACPP Galicia.
Sesión 1.- O noso corpo é o primeiro territorio que habitamos
No primeiro taller realizáronse algunhas dinámicas de coñecemento grupal e explorouse a cartografía individual na que, sobre unha silueta de cada persoa debuxada por ela mesma, colocábanse diversas emocións ou sentimentos seguindo un esquema de cores.
Sesión 2.- Cartografiando o noso barrio
O segundo taller, realizado o 19 de febreiro, centrouse na exploración das cartografías persoais do alumnado, co obxectivo de identificar os espazos que consideran significativos no seu día a día e reflexionar sobre como estes inflúen na súa identidade e sentido de pertenza. Para iso, empregouse unha metodoloxía participativa na que cada persoa debuxou un mapa cos lugares que perciben como importantes na súa vida cotiá. A través da posta en común, observouse unha forte vinculación con certos lugares e unha ausencia destacada doutros, o que levou a unha reflexión sobre a accesibilidade, a seguridade e a pertenza nos diferentes espazos e, nalgúns casos, falaron de como determinados espazos poden resultar excluíntes para certas persoas.
Sesión 3.- Analizando se o noso barrio abeira
O 26 de febreiro tivo lugar o terceiro taller, que se enfocou na identificación e representación dos espazos de refuxio persoal e na análise da percepción dos territorios comúns desde unha perspectiva crítica. O alumnado revisou as súas cartografías e reflexionou sobre os lugares onde sentían emocións como rabia ou soidade, conectando con estas sensacións. A partir disto, cada persoa pensou nun "amparo", é dicir, un elemento que lles proporciona seguridade e calma.
Na segunda parte da sesión, retomáronse os mapas de territorios comúns da sesión anterior. Os grupos recibiron a historia dun personaxe ficticio e tiñan que analizar como sentiría nos espazos representados nos seus mapas. Finalmente, desenvolveuse unha actividade de creación dun “amparo común” mediante a intervención artística sobre dous paraugas transparentes. A sesión pechouse cun círculo de diálogo, onde as persoas participantes expresaron que gozaran moito dos talleres e sentíronse cómodas.
O persoal encargado da aplicación destes talleres estivo formado por Raquel López de ACPP Galicia e dúas alumnas en prácticas de 4º curso do Grao de Educación Social da Universidade de Santiago de Compostela.