Por un Transporte Digno para o Barbanza
Organizámonos colectivamente para desenvolver actividades que nos permitan visibilizar as eivas que ten o transporte público e escolar na nosa comarca, e reivindicar melloras no mesmo.
Transporte público: unha ferramenta contra o Cambio Climático.
Desprazarse en transporte público na nosa comarca (e na nosa Comunidade en xeral) estase a converter nunha odisea, pola falta de información acerca dos horarios, a pouca frecuencia, a carencia de sinalización nas paradas e a falta de infraestruturas ben simples, como marquesiñas; así como pola falta de implementación de solucións específicas para a mobilidade das persoas.
As melloras no transporte público e o fomento do seu uso poden axudar a limitar o uso do automóbil, que se ten demostrado como un dos principais factores de emisións de CO2, as causantes do Cambio Climático.
Desde a Unión Europea lémbrannos que “cunha taxa de ocupación media de 1,6 persoas por coche en Europa en 2018, compartir o coche ou cambiar ao transporte público, a bicicleta os desprazamentos a pé, axudaría a reducir as emisións”
Infografía emisións na UEPor que apostar polo transporte público?
Dende Ecoloxistas en acción indican que son moitas as consecuencias negativas do modelo de transporte e a mobilidade que nos afectan por distintas vías, non só a conxestión ou as malas comunicacións, senón tamén o impacto social e ambiental dos vehículos motorizados con combustibles contaminantes, e todo elo afecta negativamente á calidade de vida producindo unha significativa perda de habitabilidade das vilas
O uso do transporte público contribúe a reducir a emisión de gases de efecto invernadoiro. Un autobús cheo emite ata un terzo menos de GEI por pasaxeiro que un coche. Ademais, reducir o número de vehículos particularidades en circulación axuda a reducir tamén os atascos, a sinistralidade e o ruído, facendo das vilas e cidades espazos máis habitables.
Un transporte público digno é fundamental para as persoas máis precarias: para aquelas que carecen dun vehículo particular, para as que non están en condicións de conducir, para as que precisan desprazarse habitualmente por cuestións médicas, para o alumnado dos institutos, para persoas sen vehículo propio que precisan ir ao seu traballo. Tamén o é para a sustentabilidade dos nosos entornos e do planeta.
Mobilizámonos por un transporte público digno
Desde a Plataforma por un transporte digno para o Barbanza levamos a cabo distintas accións de cara a conseguir o noso obxectivo de mellora do transporte:
- Reunímonos con distintas autoridades para trasladarlle a nosa preocupación por este problema, así como as nosas reivindicacións.
- Organizamos unha campaña de recollida de sinaturas no concello de Ribeira, que foron enviadas tanto ao Concello como á Consellería de infraestruturas e Mobilidade.
- Elaboramos un folleto coas nosas reivindicacións, que repartimos por distintas localidades.
- Contactamos con outros colectivos galegos en prol do transporte digno, de cara a realizar accións conxuntas.
- Levamos a cabo mobilizacións para visibilizar a nosa problemática: unha concentración diante do Concello de Ribeira, organizada de xeito coordinado con colectivos de outras localidades galegas; e outra no apeadoiro central de Ribeira.
- Enviamos queixa á Valedora do Pobo, que á súa vez solicitou información acerca da nosa queixa á Consellería.