Voluntariado de saúde en comunidades rurais de Honduras

2023

Centro de salud Las Trementinas

ODS03 Saude Benestar, ODS10 Reducion Desigualdades

Para facer fronte á escasa cobertura sanitaria nas comunidades atendidas polo Centro de Salud Las Trementinas de San Marcos de Colón, Honduras, un grupo de mulleres, voluntarias de saúde, achegan atención sanitaria nas comunidades máis lonxanas. 

Insuficiente cobertura sanitaria nas comunidades rurais

San Marcos de Colón é un municipio hondureño situado no corredoiro seco centroamericano, unha das rexións do mundo más vulnerables ao cambio climático, xa que alterna períodos longos de sequía con episodios de choiva torrencial e huracáns.

O municipio conta con 29.263 habitantes, e máis da metade atópanse no rural, distribuíndose en 18 aldeas e 274 caseríos, cunha gran dispersión da poboación. Existen 3 centros de saúde, un no casco urbano e dous en zonas rurais. Las Trementinas é un deles, e atende a familias de 8 comunidades rurais (arredor de 1.013 persoas). O centro de saúde conta cun equipo médico formado por unha auxiliar de enfermaría, un promotor da saúde e un médico, que acode ao centro unha vez por semana. 

Moitas familias non viven próximas ao centro de saúde (algunhas ubícanse a máis de 16 quilómetros), polo que, de precisar atención médica, teñen que camiñar durante horas, por camiños sen pavimentar e de difícil acceso. As familias atendidas son, en moitos casos, familias que se atopan en situación de extrema pobreza, con dificultades de acceso a auga potable, condicións inadecuadas de vivenda, falta de letrinización, luz eléctrica e acceso a alimentos.

Voluntarias da saúde Voluntarias da saúde

Fronte a problemas colectivos, solucións colectivas

A falta de persoal e de recursos impiden que as comunidades (en especial as mais lonxanas), poidan acceder a unha atención médica acaída. Os traxectos longos e difíciles fan que as persoas non acudan ao centro de saúde cando o precisan, pero tamén impide ao persoal médico poida achegarse ás casas para atender ás e aos doentes, xa que implica desatender o centro de saúde durante horas.

As comunidades manifestan unha gran insatisfacción colectiva pola falla de cobertura e atención médica, polo que decidiron xuntarse para procurar unha solución.

Voluntarias de saúde para achegar a atención sanitaria ás comunidades rurais

17 mulleres e 1 home das comunidades que atende o centro de saúde Las Trementinas encárgase de apoiar ao persoal médico do centro, achegando atención sanitarias ás familias e converténdose en voluntarias de saúde. Algunhas mulleres, como o caso de Ernestina, levan mais de 15 anos como voluntarias, intentando mellorar a vida das comunidades.

O grupo de voluntariado reúnese dúas veces por mes co persoal médico do centro, para organizarse, comentar as necesidades da poboación e procurar accións que poden achegar ás súas comunidades.

Túrnanse para axudar á enfermeira no seu traballo e aprenden temas sanitarios básicos. Realizan visitas ás comunidades para identificar enfermidades, atendelas e darlles seguimento, e tamén fan fincapé na prevención. Identifican mulleres embarazadas e as acompañan durante o proceso, realizan controis semanais nas súas casas e as acompañan ao hospital se é preciso.

O voluntariado non só é un xeito de axudar á veciñanza, senón tamén ten que ver coa participación social: tense en conta a súa opinión, son recoñecidas polo seu labor, e teñen un espazo no que aprender, compartir e transformar.